Cantares galego-portugueses e cantos de cego na Feira Medieval

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

EDUARDO PEREZ

O sábado celébrase a vixésima edición deste mercado festivo

09 oct 2019 . Actualizado a las 09:22 h.

Este sábado celébrase a vixésima edición do Mercado Medieval do San Froilán, que organiza a Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Artes Aplicadas en colaboración co Concello. De novo a Praza de Pío XII regresará por un día ao medievo. Hai documentos dos séculos XI e XII nos que consta a celebración dunha feira mensual o día 1 de cada mes e outra anual que duraba varios días e comezaba o día de Todos os Santos, quizais precursora das posteriores feiras do San Froilán.

Este ano, ademais das habituais actividades do mercado e cetrería, haberá un concerto de cantares galego-portugueses, a cargo do cuarteto Bóreas Antiqua, que interpretarán e cantarán temas do Pergamino Vindel de Martín Códax, das Cantigas de Santa María de Afonso X, do Pergamino Sharrer de Dom Dinis e do Cancioneiro de París, anónimo. Esta actuación especial comezará ás seis da tarde na capela de San Froilán da catedral. Outra cita destacada do mercado serán os cantos dos cegos no Camiño Primitivo, a cargo de romanceiros na rúa, como Luis Caruncho ou Chus Iglesias. As actuacións serán ás 13.30 horas e 19.00 horas.

Xa en canto ao programa do mercado, a inauguración será ás 11.00 horas, coa solta dunha aguia que voará sobre a praza traendo nas súas garras o pergamino co pregón que abrirá a feira. Ademais dos postos de venda, comezarán os obradoiros artesanais en vivo. Ás 11.30 horas será a misa en latín, cantada polo Orfeón Lucense, no altar do Bo Xesús da catedral.

Ao mediodía será o desfile do cortexo con vestimentas medievais, precedidos de cabaleiros templarios, polas rúas do recinto histórico. O grupo Vita Brevis será o encargado de pór música ao percorrido. Haberá una exhibición de cetrería ás sete da tarde. O mercado pecha ás 22.00 horas.