Unha recompilación de 100 textos xornalísticos de Barriga Verde

La Voz

LUGO

O Concello de Lugo presenta un novo libro dos Devanceiros

08 oct 2019 . Actualizado a las 20:14 h.

A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou no día de hoxe o 16º libro da colección San Froilán dos Devanceiros xunto con Xaime Iglesias González. A obra, titulada «Barriga Verde na prensa Unha escolma de cen textos» é o resultado dun laborioso traballo de investigación que pretende poñer a disposición do público en xeral unha escolma de cen significados textos xornalísticos alusivos a Barriga Verde, sen necesidade de acudir ás hemerotecas espalladas polo país. 

«Botábase en falta unha publicación que recollese os artigos xornalísticos que se achegaron ao fenómeno social e cultural que significou Barriga Verde», indicou Maite Ferreiro, que destacou a súa popularidade e a súa importancia para a lingua e cultura do noso país, «máxime nuns tempos en que as carencias eran moitas e a liberdade estaba coutada». Maite Ferreiro destacou a vixencia de Barriga Verde, e a necesidade de poñelo en valor, defendelo e facelo visíbel, «vendo as protestas nalgunha das últimas representacións recreando a Barriga Verde».

Xaime Iglesias González (Pontevedra, 1946) estudou Maxisterio e Xeografía e Historia e exerceu como profesor en varios colexios e institutos, rematando a súa actividade docente no IES A Xunqueira II de Pontevedra, impartindo clases de Lingua e Literatura Galega

Durante a súa traxectoria profesional foi director por elección do claustro en dous centros educativos e, por concurso de méritos, obtivo dúas licencias especiais. A primeira permitiulle licenciarse en Xeografía e Historia na USC e durante a segunda realizou un traballo de investigación didáctica baixo o título «Coa palabra na boca, suxestións para traballar con refráns na aula», que está a piques de ver a luz. Tamén foi seleccionado pola Consellería de Educación para a elaboración do traballo «Algúns vulgarismos: proposta didáctica».