Abraham Cupeiro: «'Pangea' recupera instrumentos agochados nas culturas do Planeta»

Tras o éxito de «Os sons esquecidos», o músico sarrián prepara a gravación do segundo disco en Londres, co que busca homenaxear a diversidade cultural dos cinco continentes


Lugo / La Voz

O músico sarrián Abraham Cupeiro volve sorprender cunha nova andaina cultural con músicas de mundo e instrumentos de todos os tempos como protagonistas. Tras o éxito do seu traballo Os sons esquecidos -gravado coa Filharmonía de Galicia-, o construtor de instrumentos musicais e multiinstrumentista prepara a gravación do seu segundo disco, Pangea. Será no mes de novembro, nos lendarios estudos londinienses de Abbey Road, baixo o selo de Warner Classics.

Cupeiro recupera e constrúe diversos instrumentos e interpreta con eles música antiga e actual, mostrando a gran capacidade comunicadora da música, como linguaxe universal que é. O artista sarrián destaca por ser unha das poucas persoas que toca o karnyx -a gran trompeta celta da Idade de Ferro, construída en bronce, suspendida verticalmente e coa campá en forma de cabeza de xabarín- e por ser impulsor dun instrumento ancestral na tradición galega: a corna. Conta cunha colección de máis de 200 instrumentos de todo o mundo e de distintas épocas.

-Como é «Pangea»?

-É un disco de homenaxe á diversidade cultural do Planeta para darlle pulo. O traballo recupera instrumentos agochados nas culturas do Planeta, cos máis representativos dos cinco continentes. De feito, o nome de Panxea fai referencia a ese único supercontinente orixinal. Tamén fala de ecoloxía, e por iso todos os instrumentos utilizados están feitos de materias orgánicas. Ademais, no disco tamén participa unha orquestra sinfónica.

-Como xorde este traballo?

-Nace tras un intenso traballo de investigación e, sobre todo, de coñecer xente de todo o Planeta, de buscar a todas esas persoas que podían ensinarme os instrumentos, desde Mongolia ata Oceanía, China ou a India. É difícil dar cos instrumentos porque algúns fanse con elementos propios de cada lugar, coma, por exemplo, un xunco que nace só no río Níxer. Algúns destes instrumentos seguen vivos e outros están en vías de extinción; algúns só se tocan en ámbitos familiares, están agochados nas culturas de cada país, de aí a dificultade da investigación.

-Como responden os instrumentos ancestrais en contacto coa música actual?

-Iso é algo que se ve moi ben neste disco, ao participar tamén unha orquestra. Hai que dicir que os primeiros sorprendidos son os músicos da orquestra. Digamos que son instrumentos máis humildes, pero máis sinceros; a súa forza radica na súa imperfección. Este é un disco con moita forza e que ten unha pegada moi espectacular.

-Que posibilidades ofrecen para un músico os instrumentos antigos?

-No disco Pangea establecemos unha especie de loita musical cos instrumentos modernos, e os antigos non saen mal parados.

-De onde lle vén a afección pola música antiga?

-Teño unha formación clásica e os meus inicios estiveron a cabalo entre a banda de música e un grupo tradicional. Pronto empecei a investigar sobre o pasado e outras culturas musicais, pero o punto de inflexión da miña carreira foi cando construín unha trompeta do século XVIII e sentín que chegaba a viaxar no tempo.

«Os instrumentos ancestrais son máis humildes, pero máis sinceros; a súa forza radica na súa imperfección»

«O punto de inflexión da miña carreira foi cando construín unha trompeta do século XVIII e sentín que viaxaba no tempo»

Comezará unha nova edición dos concertos didácticos en colexios lucenses

Tras o éxito do pasado ano, o musicólogo Abraham Cupeiro comezará en outubro unha nova edición de concertos didácticos por centros educativos da provincia, grazas a unha iniciativa impulsada pola área de Cultura da Deputación de Lugo. Serán quince actuacións pedagóxicas, nas que levará un cento de «instrumentos de todo o mundo de tempos pretéritos» para ensinarllos aos estudantes.

Radio Voz estreou unha sección sobre músicas do mundo con Cupeiro

Radio Voz estreou esta semana unha nova sección sobre músicas do mundo guiada polo musicólogo Abraham Cupeiro. O espazo emitirase todos os martes, sobre as 11.40 horas, no programa Voces de Lugo, que dirixe o xornalista Félix Jorquera. A sección Terraquia. A Paisaxe Sonora do Noso Planeta fará un percorrido polos sons dos cinco continentes, cada día dedicado a un país. China foi o primeiro destino o pasado martes, ao que os radiooíntes se puideron achegar da man do xiao -unha especie de frauta de bambú que se tocaba hai 3.000 anos- e o hulusi, feito a partir dunha cabaza.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Abraham Cupeiro: «'Pangea' recupera instrumentos agochados nas culturas do Planeta»