Folk, jazz, flamenco, pop, electrónica, gospel e psicodelia encherán os escenarios no San Froilán

La Voz LUGO

LUGO

CARLOS CASTRO

En total serán 24 os concertos que se suman aos grupos de Lugo

19 sep 2019 . Actualizado a las 10:55 h.

Xosé Lois Romero & Aliboria encherán a praza o día de inicio das festas, 4 de outubro. É un colectivo de novos músicos galegos que reinventan os cantos e os ritmos enxebres de Galiza conxuntando as potentes voces das súas vocalistas cuns novos arranxos para percusión tradicional cheos de forza, raza e terra. A música de Aliboria combina as voces ancestrais da tradición oral de Galicia coa forza e o colorismo multitímbrico da percusión tradicional, todo tinguido coa frescura e a enerxía que a xuventude dos seus membros lle aporta. Bombos, pandeiros, pandeiras, tixolas, tarrañolas, cunchas, pandeiretas, latas, tambores, sachos, perfectamente conxunguidos cos cantos, os aturuxos, os bailes e a diversión.

Os italianos Música Nuda encargaranse durante a noite do día 5 de mostrar co seu jazz arranxos de cancións clásicas de diversos xéneros, que abarcan o pop, o rock, o jazz ou a música clásica. Venderon case un millón de discos principalmente en Italia e Francia, gañaron o premio Targa Tenco como mellor intérprete no 2006 e o premio de Italia de Música Independente, como Mellor Xira Musical, no 2006.

La Shica & Gutman, cantante pop española con formación de flamenco, danza española e ballet clásico, actuará o día 8. E coñecida como a “coplera do século XXI”. O seu espectáculo mestura copla con sons urbanos coma hip-hop e rap. Ao longo da súa carreira realizou numerosas xiras internacionais en Europa, EEUU e países como India, Siria, Xordania ou Líbano.