Maximiliano López: «Concibo os cadros como un poema»

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

O artista, pintor e profesor expón case 60 das súas obras en O Vello Cárcere e ata o día 19 de outubro

07 sep 2019 . Actualizado a las 18:14 h.

Maximiliano López é pintor. Pero como unha gran parte dos artistas, sabe que é difícil vivir das pinceladas. Por iso tamén da clases, dende hai 23 anos, para ensinar a outras persoas a sentir, facer e convivir ca pintura. Na súa casa ten uns 300 cadros que forman parte do seu fogar e da súa paisaxe cotiá. Agora e ata o día 19 de outubro, 59 das súas pinturas están expostas —e tamén á venda— en O Vello Cárcere, baixo o título de Eiquí Agora.

—Como escolleu, de entre tantos que ten, os cadros para esta exposición?

—Elexinos por temática coherente e tendo en conta tamén que os formatos non fosen moi dispares. Isto de pintar é algo compulsivo. Neste caso, son retratos de alumnas e amigas o que mostro e tamén obxectos relativos á miña vida, relacionados ca pintura ou simplemente co día a día.

—Algunhas das súas pinturas teñen fondos que chaman moito a atención.

—Os fondos reflicten á personaxe e a personaxe reflíctese no fondo. Ao final, as persoas son desculpas para expresar algo. As praias que saen de fondo en moitos outros cadros son todas da zona de Mariña ou de Barreiros.

—Pinta ca persoa en directo?

—Non, así sería imposible. Fago as pinturas a partires das fotos. Non podes pintar ao natural. Ao mellor saco 300 instantáneas en dúas horas e, despois, comezo a traballar. Pinto ampliando a imaxe dende unha tableta electrónica.

ALBERTO LÓPEZ

—A pintura é cuestión de vocación?

—É algo que ten que saír, a persoa que queira pintar debe mostrar predisposición. O que non se pode facer é forzar a ninguén. Como todo, hai que desenvolvelo e ter ganas. Entón, sae. O que traballa só con inspiración non vai sacar nada. Iso forma parte da idealización do artista e o traballo e o esforzo son fundamentais tamén.

—Óleo, acrílico, bolígrafo... atrévese a facer cadros con todo.

—Algúns dos obxectos da exposición funcionan como esculturas xigantes de ferro soldado sobre a praia, por exemplo. Eu intento pintar cousas que fotografío ou que sinto como cercanas.

—Algúns cadros van acompañados dun poema.

—Eu preferín iso a que levasen ao lado datos como as súas medidas. Insistiume moito a miña amiga Eva, e ao final, fíxenlle caso. O resultado foi moi bo.

—Pinta todos os días? Cantos cadros á vez?

—Si. Eu desconecto pintando e para min isto é unha necesidade. Ademais, non fago encargos polo que pinto o que me apetece. Podo estar pintando tres cadros á vez perfectamente. Se estou só con un pódeme saturar.