Novo espazo de encontro e cultura desde o rural na Pastoriza

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

O centro, «pensado para o pobo», ofertará cafetería, charlas, música, teatro, degustacións e roteiros na Pastoriza

28 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un novo espazo para a cultura e o encontro nace na Pastoriza. A lucense Paula Prado Fandiño abre mañá as portas dunha innovadora iniciativa cultural, chamada Hábitat Cultural Fogar de Maeloc. Trátase, en palabras da impulsora, dun centro «pensado para o pobo», sempre «aberto a todos», no que se ofertará servizo de cafetería, ademais de diferentes actividades periodicamente, como charlas, música, teatro, degustacións gastronómicas, roteiros, obradoiros, debates, presentacións literarias ou exposicións. O novo centro cultural, situado na Casa da Cultura da Pastoriza, darase a coñecer mañá, cunha inauguración de portas abertas a partir das 20.00 horas.

Prado explica que decidiu solicitar a xestión da cafetería da Casa da Cultura, que levaba uns dous anos pechada, e foille adxudicada. A este espazo de cafetería úneselle tamén unha sala de usos múltiples, na que programará as diferentes actividades culturais. Ademais, no mesmo edificio están outras dependencias municipais, como a biblioteca ou o salón de actos, polo que o centro pretende ser un grande eixe cultural da comarca.

Hábitat Cultural botará a andar ata finais de setembro só coa cafetería en marcha, que terá un horario de 9.00 a 17.00 horas, de luns a sábado, e na que se servirán tamén petiscos, racións, almorzos e merendas. O horario ampliarase en función das actividades programadas ou doutras citas sociais da contorna; por exemplo, esta fin de semana estará aberta con motivo das festas da vila.

En outubro comezarán a desenvolverse as propostas culturais. Todo iso agrupado arredor dos catro elementos da natureza: lume (gastronomía), aire (artes e igualdade de xénero), auga (saúde e benestar) e terra (roteiros e ecosistemas).

 Posta en valor do patrimonio

Con este proxecto, Paula Prado pretende «poñer en valor o rural, o noso patrimonio cultural e natural», aberto ao turismo, si, pero «fundamentalmente dirixido aos propios veciños», explica. Hai moito por facer e por ensinar, segundo conta Prado: Castro de Saa, Museo de Maeloc, rutas de sendeirismo, nacemento do río Miño... sen esquecer a gastronomía local. «A cociña forma parte deste proxecto porque organizarei degustacións de produtos locais, para fomentar a gastronomía da zona e os produtos ecolóxicos», explica. Toda esta oferta cultural e social irase ampliando e enriquecendo coas achegas dos propios veciños e axentes culturais, «que espero que me vaian trasladando as súas propostas e inquietudes» para ir conformando a oferta do centro, continúa.

Esta nova iniciativa tamén pretende cumprir cos obxectivos de desenvolvemento sostible que propón a Unesco: trátase de «mellorar a vida, de forma sostible, para as xeracións futuras», explica Prado, e «iso non é posible deixando atrás as zonas rurais e os seus habitantes», engade.

«Botaba en falta locais de xuntanza, para todos, sobre todo con nenos, e sen ter que saír do rural»

 O xerme do proxecto Hábitat Cultural Fogar de Maeloc está nunha «necesidade persoal» da súa impulsora, a socióloga lucense Paula Prado Fandiño, que ten dúas fillas de 12 e 6 anos e que se instalou na Pastoriza hai doce anos «buscando unha vida máis tranquila».

 -Como xurdiu a idea?

-Foi case unha necesidade persoal para crear un espazo de reunión para todos, aberto a todas as idades, un lugar de encontro co que fortalecer a comunidade. Botaba en falta locais de xuntanza no rural, para todos, sobre todo tendo nenos, e sen necesidade de desprazarse. A Pastoriza, coma moitas outras zonas rurais, perde poboación cada ano, hai un grande envellecemento, e para as familias con fillos, e mesmo para os maiores, é difícil atopar alternativas e espazos de contacto social. Así que vin que a cafetería do centro sociocultural estaba baleira e pareceume un espazo fabuloso para esta idea.

-Como desenvolveu o proxecto?

-Participei con esta idea no espazo de emprendemento co-working de Mondoñedo e deille forma. É complicado hoxe en día levar un negocio no rural, pero espero que teña éxito e poida ser tamén unha fonte de creación de emprego.

 -Por que elixiu ese nome?

-O de Hábitat Cultural pretende transmitir que se trata dun espazo no que hai biodiversidade, diferenzas entre as especies, pero que todas conviven. Porque pretendo que sexa un lugar no que teña cabida a cultura plural e diversa. E Fogar de Maeloc elixino en honra á figura de Maeloc, que chegara a Bretoña.