A Mostra de Teatro Amador de Palas de Rei celebra a súa vixésima edición


palas de rei / lA voz

O concello de Palas acolleu onte a presentación da vixésima Mostra de Teatro Amador de Palas de Rei, que empezará a próxima semana e durará ata a principios setembro. A mostra constitúe un referente dentro do panorama de teatro amador galego nacional, e pola mesma xa pasaron máis de 250 compañías do teatro galego e máis de 30 da Península e de países como Cuba, México, Portugal, Francia...

Este ano participarán nove grupos de Galicia e un de Pozuelo de Alarcón. Os lugares elixidos para desenvolver estas pezas teatrais serán a Casa de cultura de Palas de Rei, a praza do Concello, o campo da festa de Santo Xusto e a parroquia de Santiago de Albá.

O último día da mostra, o 7 de setembro, nas aldeas de Albá, Santo Xusto, Vilafofe e Pambre celebrarase a décimo novena edición de Son d’aldea, actividade protagonizada polos veciños e polas veciñas das aldeas do Concello. Trátase dun evento dinamizador da cultura rural que procura proxectala e dignificala. Os veciños converteranse en actores para amosar as súas tradicións.

Programación

A mostra comezará o martes co grupo Barafunda Teatro, que representará a obra

Bañistas Despistados

. O mércores 28 o grupo Lila Teatro interpretará a obra

Duncan de Palleiro

; o xoves 29 o grupo municipal de Teatro de Palas de Rei desenvolverá a obra

Vogando nos contos

e o venres 30 o grupo Iara Teatro representará

No berce da palabra.

Todas elas serán ás 21.00 horas na praza do Concello.

O sábado 31, ás 21.00 horas, na Casa de Cultura de Palas entregarase o segundo Premio Garabato á Conservación do Patrimonio en homenaxe a Gabriel Barreiro Toural, dotado con 1000 euros. Haberá tamén dobre función co grupo Metátese Teatro que representará O euromillón ás 17.30 horas no campo da festa de Santo Xusto; e Na procura dun traballo ás 21.00 horas na Casa da Cultura de Palas de Rei. O programa continuará tamén a primeira semana de setembro.

O último día da mostra entregarase o XIV Premio Careón á escritora Ana Pillado Vega, en recoñecemento polo seu labor como escritora e dinamizadora da cultura galega, e o XIX Premio Mácara a Manuel Vieites pola súa traxectoria profesional como escritor e polo seu apoio ao teatro.

Os organizadores deste evento son a Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas, Os Lobos, en colaboración con Metátese Teatro, Alentía Teatro e o Concello de Palas de Rei.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A Mostra de Teatro Amador de Palas de Rei celebra a súa vixésima edición