«Agora mesmo estou namorado da bicicleta»

dani cabo / x.m.p. LUGO / LA VOZ

LUGO

SPORTOGRAF GMBH & CO. KG

Jorge García Cbanas competiu en xuño nunha proba cicloturista de 200 quilómetros que pasa por portos dos Pirineos

05 ago 2019 . Actualizado a las 16:52 h.

Jorge García Cabanas comezou a súa andaina no mundo da bicicleta hai uns seis anos. O seu curmán de Bilbao regaloulle unha bici, que utilizaría de forma casual en días de verán. Co paso do tempo, o seu amor por este deporte foi crecendo. Foi de menos a máis.

Comprou bicicletas de montaña, aumentou a súa actividade ciclista, e xurdiu a idea de participar na recoñecida proba Quebrantahuesos, que se celebra cada ano partindo da vila oscense de Sabiñánigo. A marcha, de 200 quilómetros, atravesa os Pireneos ata penetrar en territorio francés e ascende os portos de Somport, Marie Blanche, Portalet e Hoz de Jaca. Este ano participaron máis de 9.000 ciclistas. O pasado xuño, Jorge completaría satisfactoria a proba en sete horas e media. Sen dúbida, foi unha experiencia vital e de superación que nunca esquecerá.

-Podería ter optado por ir a unha proba menos esixente, como a Treparriscos. De onde sae a idea de participar na dura Quebrantahuesos?

-Teño un amigo que se apuntou e ao final fun con el. Sempre tiven gañas de ir. Esta vez presentouse a oportunidade e aproveiteina.

-A Quebrantahuesos é a marcha cicloturista máis importante do país. Que lle chamaba a atención da proba?

-O número de participantes, a xente que está animando como se fose o Tour de Francia, os portos míticos...

-Supoño que ao ser unha proba cicloturista, disfrutaría das vistas.

-Si. Disfrutei moito das vistas. Nas baixadas procuraba ter máis coidado. Pero as vistas eran espectaculares, sobre todo Portalet. Hai un pequeno río, un lago... É unha marabilla. Incluso había un gaiteiro e un dj. Foi unha pasada.

-Fixo un tempo de sete horas e media. Está contento co resultado?

-Estou satisfeito. O primeiro obxectivo era rematala. O segundo era baixar de oito horas e conseguino. Se baixaba dese tempo, prometín tatuar unha bicicleta na perna. É o que toca.

-Cal foi o momento máis duro da proba?

-A segunda parte de Portalet. É moi duro. Levas 134 quilómetros e quédanche aínda 15 quilómetros de porto. É un momento no que tes que ser moi forte mentalmente. Ía coas pulsacións moi altas, pero quedaba pouco. Pedaleei porque me notaba forte de pernas e estaba a piques de chegar.

-Que é o que máis disfrutou da experiencia do Quebrantahuesos?

-Quédome con toda a xente que coñecín, a xente que me apoiou durante toda a etapa de adestramento, a miña familia, o meu equipo de fútbol... É unha experiencia que se che gusta o ciclismo, tes que vivir.

-Pertence a algún clube?

-Eu sempre fun por libre. No momento que pertences a un clube estás na obrigación de competir e é moita responsabilidade.

-Que sentiu ao cruzar a liña de meta?

-Foi incrible. Entras en Sabiñánigo, e está todo o mundo aplaudindo na entrada. Despois, ao cruzar a liña de meta, é como se sacases un peso enorme de enriba. Sentín unha satisfacción tremenda.

-Visto o visto, ten pensado repetir?

-Si, si. Se puidese, iría todos os anos que me quedan de vida.

-O ciclismo é un deporte moi duro, precisa de moitas horas de adestramento. Cal foi a súa rutina?

-Estiven adestrando doce horas á semana; de luns a domingo, con dous días de descanso. Pasei días malos, pero mereceu a pena.

-Ademais, a faceta mental é chave neste deporte.

-Si. A miña faceta mental veu de todo o que tiña comigo acumulado de atrás, de todo os problemas que tiña comigo mesmo. Fíxeno por satisfación. Eu prepareime a base de horas, horas e horas de adestramento.

-Despois deste éxito persoal, que plans ten para o futuro?

-Agora mesmo estou pensando na maratón de Valencia.

-Practica outros deportes ademais do ciclismo?

-Si. Facía ximnasio para non perder a musculatura e xogaba ao fútbol sala.

-Que significa o ciclismo actualmente na súa vida?

-Agora mesmo estou namorado da bicicleta e do ciclismo. A miña vida céntrase na bicicleta. Teño que ir na bici si ou si; se non, sinto que me falta algo.