«Vivín 40 anos en Barcelona, pero todas as noites durmía e soñaba en Pedrafita»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo PEDRAFITA / LA VOZ

LUGO

Carlos Castro

Pepe treme cando oe a palabra morriña. Experimentouna durante catro décadas antes de voltar a Galicia

06 ago 2019 . Actualizado a las 21:07 h.

É a unha da tarde e da cheminea da casa de Pepe sae fume. Dentro está atarefado, preparando una tortilla na cociña de leña. Xa atendeu ás pitas e xa deu unha volta pola horta. Na aldea de San Lourenzo de Pacios impera un silencio manso que só algún can se atreve a importunar de cando en vez. Nada que ver co centro de Barcelona no que Pepe, José María López no DNI, viviu durante corenta anos. El foi un dos moitos veciños da montaña de Lugo que na segunda metade do século pasado deixou o fogar para procurar unha vida mellor. Só que no seu caso esa viaxe á emigración foi con billete de volta. Aínda que tardara catro décadas en sacalo.

«Vivín 40 anos en Barcelona, pero todas as noites durmía e soñaba en Pedrafita. Eu non tiven un só soño en Barcelona, os que tiña eran de aquí», sentenza dun xeito que encolle o corazón. Pepe tiña 27 anos cando, coa súa muller e un neno pequeno, puxo rumbo a Cataluña. A súa muller xa estivera alí traballando nunha casa, e cando fixeron a maleta, ían con traballo. «Tiñan unha portería para ela e un emprego para min no economato dos militares no Arco do Triunfo», recorda. Alí estivo traballando durante quince anos, ata que houbo un cambio na gobernanza, narra mentres pon a quentar no forno unhas filloas coas que acompañar a historia.

Por medio de coñecidos, atopou un traballo nunha cadea de lavadoiros de coches. «Eu tiña boas mans e interese», lembra, e iso permitiulle conservar o emprego durante tres lustros. Pero con 53 anos tivo que reinventarse de novo. A empresa prefería man de obra máis nova, e Pepe comezou a percorrer Barcelona entregando os currículos que lle redactara a súa filla. «Empecei indo polos supermercados e os garaxes, que era o que máis coñecía», conta mentres os ollos lle viaxan tamén ao pasado.

Pero recolocarse non foi fácil. «Había quen me dicía que me xubilara xa, e eu respondía que para xubilarse facía falla ser fillo do dono da empresa», relata. Tras semanas de busca, acabaría cunha dobre proposta enriba da mesa. De luns a venres traballaba nunha conserxería, e os sábados pola tarde e os domingos, nun lavadoiro de coches. «Así estiven dez anos, ata que me xubilei».

Pero ao longo deses dez anos, na mente e no corazón de Pepe había sempre unha constante, Galicia. Volver á casa. E ese momento chegou escasos meses despois de xubilarse. A súa nai, que vivía con eles, soñaba tamén con volver a Pedrafita e Pepe entendeu que era o mellor para a súa estabilidade. Catro décadas despois de marchar de San Lourenzo de Pacios, volvía á casa. Desta volta deixaba atrás á súa muller e aos seus tres fillos. Era a peaxe que lle poñía a vida. Ninguén dixo que fora sinxelo.

Cando Pepe escoita a palabra morriña os ollos escintílanlle e só é capaz de pronunciar un buff tras outro. Como se ese son recollera toda a esencia. A dureza de quen tivo que marchar lonxe do fogar sen ser quen de esquecer xamais as orixes. Como se fose unha clave secreta que só os que viviron a experiencia e non se amoldaron entenderan. Porque as mans de Pepe estiveron corenta anos en Barcelona, pero o seu corazón era de Pedrafita.

Pepe López conserva a esencia da proverbial xenerosidade da xente das aldeas. Na súa casa, a medio camiño entre os Ancares e o Courel, sempre hai un café quente, uns chourizos ou unhas castañas pilongas dispostas para as visitas, sexan ou non coñecidas.

«De Galicia acordábame de todo, de cando andaba de pequeno co avó»

A carón da súa vivenda coida unha horta. Presume dunha pequena vide ?«Despois, que digan que nos Ancares non hai uvas»? e amosa un kiwi que dentro duns meses dará os seus froitos. «Eu aquí estou tranquilo, non me meto con ninguén e ninguén se mete comigo. Os veciños aprécianme e eu a eles», conta. Hai unha década que puxo fin á súa vida de emigrante e regresou a Pedrafita. Neste tempo só una vez volveu pisar Barcelona. «Fun dous días para a voda dun sobriño que tamén é afillado. De Barcelona non boto de menos nada, só non poder estar coa muller e os fillos, pero sabendo que están ben...», comenta resignado.

Pepe fala en galego, pero de cando en vez percíbese no seu discurso certo acento catalán, froito dos corenta anos que pasou naquela terra. Agora os seus días repartense no horto e cos nimais. «Un día picas unha pouca leña, outro fas outras cousas. Hai moitas maneiras de entreterse. Pasa un veciño e contas un conto un anaco. A vida funciona así. Barcelona non estaba feita para min».

Traballar na horta ou partir leña non é nada novo para Pepe. De pequeno, antes de emigrar, xa o facía. «De Galicia acordábame de todo. De cando andaba de pequeno co avó. Eu era o maior e ía sempre con el, que era un home moi sano, mentres meu pai perdera a saúde na guerra. Antes de marchar, eu traballaba no campo. Tiñamos seis ou sete vacas, un rabaño de cabras e outro de ovellas, e con elas andaba». Nos meses duros do inverno, cando a neve asolagaba a aldea, seu pai ensináballe a facer contas».

Todos eses recordos alimentaban os soños de Pepe na súa vivenda do centro de Barcelona, durante catro décadas. Pero seguía pensando nas montañas de Pedrafita, nos vales, no verde, nos carballos e castiñeiros, na vida que tivera que deixar atrás. Sentía fortes lostregazos de morriña.

Na cidade catalá atopouse con moitos veciños que seguiran tamén o seu camiño. Que tamén colleran as maletas e buscaran un porvir mellor na outra punta do país. «Pero non faciamos moita vida con eles. Íase traballar e traballar», resume. E a iso dedicou corenta anos. Máis de media vida, ata que retornou a Pedrafita, o seu lugar no mundo, aínda que agora un anaco do seu corazón estea en Barcelona.