A Xunta mellora os colexios lucenses con 900.000 euros

Ana L. Cillero / m. c. LUGO / LA VOZ

LUGO

Cedida

As reformas centraranse en seguridade e eficiencia enerxética

02 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional destinará case 900.000 euros ás obras de mellora en 55 colexios e institutos da provincia de Lugo, que se levarán a cabo durante o transcurso do verán.

Os traballos están pensados para realizarse neste trimestre e así non interferir no ritmo diario do curso escolar, xa que o obxectivo é que as instalacións estean a punto de cara ao vindeiro curso.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que «son obras de tipoloxía variada e que se van realizar en función das necesidades de cada centro».

A Xunta de Galicia «ten como prioridade a educación pública e é por iso polo que se intenta que o orzamento que vai destinado aos colexios e institutos sexa cada ano mellor. Impulsamos obras de gran envergadura, a iniciativas de menor entidade pero tamén relevantes para o bo estado das instalacións», dixo o delegado, e engadiu que ao longo do ano invisten en todos os centros, en todos os concellos e de acordo e en sintonía coa comunidade educativa.

Seguridade e accesibilidade

Farase especial fincapé nas melloras relacionadas coa seguridade e accesibilidade dos centros educativos, ademais de acometer reformas e obras tendentes ao aforro enerxético. As comúns serán aquelas que teñan que ver coa instalación e renovación de electricidade e luminarias, o cambio de fiestras e portas ou a reforma de aseos, das redes de saneamento, fontanaría ou a substitución de caldeiras. Tamén están previstos outros traballos que se centrarán na conservación extraordinaria en cubertas e envolventes, en patios e en espazos destinados á Educación Infantil.

As obras estarán distribuídas por toda a provincia: máis de 623.000 euros irán a parar a un total de 42 colexios de educación Infantil e Primaria e máis de 256.000 euros que investiranse en 13 institutos de ensino secundario, bacharelato ou formación profesional.

Por comarcas, están previstas actuacións en oito municipios da zona centro da provincia (Lugo, Sarria e A Ulloa) e en case unha vintena de centros educativos por un importe total de 328.000 euros. Na Mariña actuarase en trece colexios e catro institutos distribuídos en nove concellos (A Pontenova, Burela, Foz, Mondoñedo, , O Valadouro, Riotorto, Vicedo, Viveiro, Xove) e cunha contía que supera os 277.000 euros.

Na zona sur, as obras centraranse en oito concellos (Chantada, Folgoso, Monforte, Pantón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober) e en dez centros escolares con achegas de 127.300. Finalmente, a Terra Chá e Meira concentran investimentos en cinco colexios e catro institutos por valor de 162.000 euros.

Cambio integral

A Consellería executa na provincia lucense outras obras que atenden a unha reforma integral ou mellora da eficiencia enerxética, sendo consideras estas as obras de maior envergadura. Neste caso, este verán Educación terá en execución obras en oito centros educativos: IES Muralla Romana, CEIP Luis Pimentel e CEIP Casás (todos estes da cidade de Lugo), CEIP Santa María da Fonsagrada, CEIP de Cervo e o número 1 de Foz, CEIP Virxe do Carme de Burela e o CEIP Ramón Piñeiro de Láncara. Tamén está en construción, neste caso como obra nova, o CEIP Sagrado Corazón.