Nin un triste día de loito por Desi!

Aria T. E. OPINIÓN

LUGO

05 jun 2019 . Actualizado a las 14:33 h.

Eu nacín en Muimenta, levo toda unha vida aquí e, por primeira vez en tantos anos, sinto vergoña do meu pobo. Hai un mes que presuntamente asasinaron a un anxo, unha nena inocente, leda e chea de vida. Este pobo parece que nin conta se deu da desgracia, ou máis ben diría que non se quixo dar, e dígoo como o sinto, por tratarse da familia Sandamil.

Agora que tanto se fala e loita pola igualdade, quero dicirlle a todo Muimenta que todos somos iguais, tanto a familia Sandamil como a López ou a Pérez. Basta xa. Estamos a falar de algo moi grave e inclúo ao Concello de Cospeito. Nin un día de loito, nin unha manifestación en repulsa de semellante atrocidade. Esto é pésimo e dá vergoña.

Acaso nadie se lembra de que a pequena Desi ten un pai, uns avós e uns tíos? Alguén pensa no que está a sufrir esa familia? Pois parece que non e calquera que sexa persoa debería poñerse na pel desa familia e dese pai para o que non existe consolo, que tivo que enterrar a súa nena con apenas uns anos de idade. Ninguén pensa na dor que está a sentir un pai totalmente destrozado e ao que lle arrebataron o que máis quería nesta vida.

Muimenta demostrou que non ten humanidade e dóeme porque é o meu pobo pero é así, un pobo do que por primeira vez renego.

E non me tiro flores nin moito menos, nunca o fixen, nin é agora a ocasión, pero eu si me puxen dende o primeiro momento na pel de José, un rapaz que nin coñecía. Porque eu son así. E sabe que tivo e terá todo o meu apoio porque eu tamén son Desirée.

Por último, gustaríame recalcar que por favor, que o que fale conte verdades. Vale xa de tantas mentiras, estamos a falar dun caso non que non vale «quedar ben». Para iso, é mellor estar calados.