O atleta traballa como adestrador persoal e fisioterapeuta, e segue a competir

lorena garcía calvo
lorena.garcia@lavoz.es

Manuel Uriz foi, e é, atleta. Pero os seus días de centrarse na loita polos podios quedaron atrás e agora compaxina o deporte coa súa profesión. Tras estudar INEF e Fisioterapia, traballa nunha clínica como readaptador e adestrador persoal. Pero como adicto ao deporte que é, continúa competindo e mantense entre os dez mellores lanzadores de xavelina de España.

-Vostede foi campión de España de xavelina e mentres estaba no máis alto estudaba tamén. O atletismo non dá para vivir.

-Sempre tiven claro que o primeiro era formarme e buscar unha saída de futuro, hai que ser realistas e saber no mundo no que estás. Primeiro estudei INEF e despois Fisioterapia, porque as dúas carreiras me gustaban dende pequeno.

-O deporte é a súa paixón, e tamén o seu traballo. Ser deportista de elite sérvelle nesta faceta?

-Eu adícome máis á actividade física enfocada á saúde, pero si que axuda. No último ano dos estudos de Fisioterapia comecei en prácticas nunha clínica da Coruña e as encargados dixéronme se quería quedarme xa a traballar con elas. Foron meses duros porque tiña que adestrar, acabar a carreira e traballar ao mesmo tempo. Era de 8 da mañá a 10 da noite. Ese ano, deportivamente, foi un pouco frouxo, pero sempre me deron facilidades para compaxinar o deporte, non puiden caer en mellor sitio. Cando levabamos un ano traballando xuntos comenteilles que por que non ampliabamos a algo máis orientado ao adestramento deportivo, á readaptación. Gustoulles a idea e montamos ao lado da clínica un centro para esta parte máis activa hai dous anos e medio. Vai moi ben e danme bastante cancha para dirixila.

-Céntrase máis en ser adestrador persoal ou en tarefas de fisioterapeuta?

-Un 75 % do meu tempo dedícollo ao adestramento persoal e á readaptación dalgunha lesión, e o 25 % restante sería tratando a parte máis de fisio. O perfil máis común é xente de mediana idade que, ou ben sae dalgunha lesión, ou que ten problemas de costas e quere facer un traballo para estar máis en forma.

-Os seus alumnos saben que os adestra un campión de España?

-Sempre acaban enterándose, hai xente que leva dous anos comigo e ao final sempre se sabe. Nunha ocasión uns alumnos soubérono véndome nun campionato na tele, ou se me ausento por do traballo, saben que é porque vou a competir.

-E interésanse por esa faceta?

-Nun primeiro momento non o comento porque quero que estean comigo porque lles aporto cousas, non porque fora campión de España, pero o que si fan é preguntar. Resúltalles curioso que os adestre alguén que foi campión de España, e ademais, é un deporte bastante descoñecido e preguntan como funcionan.

-Vostede segue a competir. A que nivel está agora?

-O ano pasado fun campión galego pero no de España non me foi moi alá. Estou entre os dez mellores, pero meterse nas medallas xa é máis complicado.

-Pensou nalgún momento en retirarse da alta competición?

-Plantexeimo, pero penseino mellor e como comecei con este traballo, no que teño máis responsabilidade, o que fixen foi baixar un pouco o nivel para manterme, porque se sigo a tope chegaría un momento no que tiraría todo pola borda. Preferín baixar un par de niveis, adestrar menos horas, gozar máis, e así tamén me manteño en forma. Gústame competir e viaxar.

-Canto adestra agora, entón?

-Cando estiven no meu mellor nivel, con 22 ou 23 anos, adestraba aproximadamente entre 15 e 20 horas semanais, agora estou adestrando entre 8 e 10,

Orixe. Naceu en A Coruña no 1989, pero aos quince días xa se trasladou a vivir a Lugo

Traxectoria. Foi campión de España no 2013 e subcampión ao ano seguinte

Situación actual. Compite e traballa como fisioterapeuta e adestrador persoal