O noso museo

María L. Sández

LUGO

22 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

pasado 18 de maio celebrouse o día dos museos, que se conmemorou, de diversos xeitos, en cidades de todo o mundo. O noso, creado en 1934, trasladouse á súa sede actual (o antigo convento de San Francisco) en 1957, foi declarado ben de interese cultural o 1 de marzo de 1962 e, con posterioridade, coñeceu importantes ampliacións, como a de 1997. O seu enclave, na praza da Soidade, é un lugar especial, de resonancias emocionais moi singulares, un corazón silencioso e calmo no centro mesmo dunha cidade que constitúe, de seu, en cada unha das distintas capas que como palimpsestos se foron superpoñendo nela, un valiosísimo rexistro histórico.

Internet cambiou moitas cousas da nosa vida cotiá. Tamén o modo de relacionármonos cos museos. Dalgún xeito, semellan hoxe máis accesibles (a un clic da posibilidade dunha visita interactiva); mais, por outra banda, a dispoñibilidade dos seus fondos e repertorios a través da rede semella facelos innecesarios, diminuíndo a necesidade das visitas físicas e da conservación material dos seus bens.

Os museos seguen a ser espazos de conservación, de cultura e de historia; espazos para o ensino, para a construción da identidade, para a convivencia. Hoxe xa non se poden conformar con seren arquivos de materiais, senón que se converten en espazos de cultura, con exposicións e programacións que os dinamizan. O pasado 18 de maio foi o día dos museos, do noso museo; mais estaría ben termos en conta que durante os vindeiros 364 días seguirá aí, na praza da Soidade, tan preto de nós e tan lonxe.