Os candidatos de Lugo, a exame en La Voz

LUGO

OSCAR CELA

Radiovoz programou un debate cos cabezas de lista dos partidos con representación na actual corporación

20 may 2019 . Actualizado a las 19:39 h.

Radiovoz Lugo e La Voz de Galicia promoveron este mediodía un debate electoral con seis candidatos das formacións con representación na actual corporación: Ramón Carballo (PP), Lara Méndez (PSOE), Xosé Chorén (Lugonovo), Rubén Arroxo (BNG), Olga Louzao (Ciudadanos) e Carlos Portomeñe (ACE). O debate foi moderado por Félix Jorquera, quen destacou, en base ás enquisas que a diario publica La Voz de Galicia, que o escenario político está fragmentado e moi aberto, co que serán necesarios os pactos para un futuro goberno. O debate comezou cunha primeira intervención de cada candidato e logo analizaron os seus programas por bloques. 

RAMÓN CARBALLO (PP): A señora Méndez anda ben de ocurrencias. Temos o reto de acabar coa súa parálise. Quero un Lugo en marcha, que fomente a reciclaxe, que actualice o PEPRI, un sistema de ORA rotatoria, buses urbanos que funcionen, que se axilicen licenzas municipais, que se pague en tempo e forma a proveedores...  

LARA MÉNDEZ (PSOE): Temos demostrado que temos un modelo claro e definido. Imos a pola segunda gran transformación da cidade frente a cinco modelos de oposición. Temos unha estratexia de 23 millóns de fondos europeos ata o 2023. Máis alá da xestión por culpa da falta de persoal do Concello, queremos un proxecto que impulse o crecemento ecolóxico que crea emprego, ademais das potencialidades turísticas. Miño e patrimonio son os noso futuro.

 XOSÉ CHORÉN (LUGONOVO): Para Lugonovo estes catro anos teñen un balance negativo en tres sentidos: na relación cos grupos da oposición, no persoal e na xestión. Temos 44 contratos caducados. En xestión falta limpeza nas rúas, non se fixo a peonalización de Quiroga Ballesteros, O Garañón sen tirar, ordenanzas sen renovar... Traballamos para aportar solucións en políticas sociais, queremos servizos sociais, promoción socio económica, mobilidade, cidade accesible, e traballar cos nosos orzamentos.

 RUBÉN ARROXO (BNG): Temos unha semana para reflexionar que papeleta queremos meter na urna. Nós temos un proxecto para que Lugo funcione, facer de Lugo a cidade dinámica que tivemos, e agora podemos cambiar a situación actual. Nós imos pola alcaldía.

 OLGA LOUZAO (CIUDADANOS): Lara Méndez caractizouse pola parálise e a improvisación e o candidato do PP non ilusiona e non se acordou cando tivo responsabilidades no Goberno e na Xunta. Lugo non pode perder catro anos máis. Queremos unha cidade que impulse e que xere oportunidades e cunha administración áxil.

 CARLOS PORTOMEÑE (ACE): Hai que buscar un diagnóstico para aportar solucións. Lugo foi a única cidade de Galicia que comezou hai catro anos cun cheque en branco, porque as forzas políticas que apoiaron ao goberno non puxeron nada por escrito, e isto condicionou o futuro, e incluso chegou o PSOE a acordos importantes co PP. Temos un déficit democrático e hai que recuperar unha xestión racional e clara.

OSCAR CELA

 

O DEBATE DAS INFRAESTRUTURAS DE LUGO

En materia de infraestruturas, os candidatos falaron de ideas que xa levan moitos anos en marcha ou que se levan anos debatindo 

Louzao: PP e PSOE esquecéronse de Lugo, e somos a cidade que está á cola de Galicia. Lara Méndez ten a cidade chea de fochancas e baches, e sen mantemento. Queremos revitalizar a Ronda da Muralla, ter un bus circular para crear máis espazos de disfrute, apostamos pola unidireccionalidade da avenida da Coruña, un novo acceso en Fontiñas cun aparcamento escalonado, unha zona verde polo Carme, soterrar a N-VI en vez de pasarelas, potenciar o Plan Paradai, solución consensuada para o Garañón, plan de rehabilitación urbana, remodelar o transporte urbano, plan de seguridad vial (1.100 pasos de peóns e só pintados 130).

 Carballo: Un dos nosos eixos é impulsar a rolda leste para completar o terceiro anel da cidade. Desdobrar e iluminar a rolda norte, e desbloquear zonas conxestionadas do tráfico. Imos traballar pola Intermodal, pero no Goberno non foron quen de deseñar unha coa Xunta. Queremos o desdobramento e iluminación de Duquesa de Lugo. Hai que dignificar as entradas, especialmente a da Fervedoira. Promovemos un plan específico de tráfico para a estrada vella de Santiago. Lugo segue de costas ao río Miño, e queremos unir o Miño e o Rato e apostamos por un circuito de 21 quilómetros para lecer e deporte. Imos crear esa zona de baño pública para os lucenses. Temos claro que se necesita un novo pavillón polideporitvo multidisciplinar para dar saída ao deporte base. Temos abandoado o pavillón de deporte da OJE, e queremos completar o paseo interior da muralla

 Lara Méndez: Con asombro, parece que o señor Carballo acaba de chegar á cidade. Fala de impulsar a rolda leste cando son competencias da Xunta. Nós queremos impulsar unha cidade máis integrada no Miño. As propostas xa están incluidas nos 12,5 millóns na estratexia do Edusi. A oposición votou en contra de infraestruturas, como foron os ascensores de Fontiñas e do Parque do Sagrado Corazón, e agora queremos facer máis, en Conde Fontao e na avenida das Américas. Fixemos peonil a Praza da Milagrosa e Soto Freire, e seguimos adiante con outras rúas, como Quiroga Ballesteros ou Bay y Gay… Queremos seguir humanizando lugares, e abrir Duquesa de Lugo. Queremos unha zona verde no garañón, pero a oposición buscou acordos só para máis edificabilidade.

 Chorén: Podemos ver como funciona o Concello, soportando a guerra entre PP e PSOE en función de onde gobernen. A vella residencia segue sen saír adiante, promesas da rolda norte, museo da romanización, o auditorio segue sen dotar, a Intermodal…. Obras paradas, como a biblioteca da Piringalla, a cuberta de Quiroga Ballesteros, o desdobramento de Infanta Elena. Nós o único que temos son queixas de pavillóns con goteiras, fuga de auga da piscina de Frigsa, piscinas sucias, a sede da Policía Local sen resolver, o MIHL sen dotación de contido… Hai que facer as cousas con sentido e preservalo cun bo mantemento. Queremos recoller o que nos trasladan os veciños, apostar por unha cidade cómoda, aplicar o plan de mobilidade.

 Arroxo: Por culpa dos gobernos de PP e de PSOE somos a única das sete cidades que non podemos ir a Santiago nin en autovía nin en tren. Vostede, señor Carballo, ten responsabilidades na Xunta, así que polo menos que se informe, porque fala de propostas que xa as fixemos nós este mandato. E a Lara Méndez, lémbrolle que sobre as piscinas termais xa as propuxemos no 2007. Igual que reducir o tráfico da cidade e no 2016 presentamos iniciativas aprobadas como foron os aparcamentos disuasorios. Débese avanzar nesta rede de aparcamentos. De cada 5 coches que circulan, un está dando voltas onde aparcar e así podemos reducir o 20 % de tráfico. Pedimos a comparecencia da alcaldesa porque hai dous anos que está en funcionandno o novo contrato de buses e non funcione nin a APP, nin as pantallas informativas… Nós queremos unha liña de norte a sur, cada dez minutos, que atravese a cidade, e deixar os coches nos garaxes.

 Portomeñe: A alcaldesa pásase todo o rato dicindo que a oposición a ataca. Os proxectos estrela de Méndez son estrelados: pasarela da N-VI, cuberta de Quiroga... Para que necesita Lugo piscinas termais de auga quentada? E sobre a Intermodal, cremos que os dous edificios actuais de Correos e Estación de tren pódese facer un pequeno edifico que dea servizos e ter un intercambiador na actual zona da estación de buses. É increíble que no 2019 non haxa saneamento na zona rural. Queremos un Plan de eficiencia de edificios municipais, igual que un ciclo da auga.

OSCAR CELA

 

PROPOSTAS ECONÓMICAS DOS CANDIDATOS

 En materia de economía local, isto analizaron os seis candidatos:

 Louzao: Resulta simpático o que di Carballo sobre que impulsará Lugo. Eu vivo no barrio da Residencia e vivín o deterioro, e parece que non fixeron nada desde a Xunta. E logo foi subdelegado do Goberno e acordouse da comisaría cando cambiou o goberno central. Lugo necesita unha alcaldesa que teña presente o que quere ser, activa, que xere actividades, que un empresario non espere dous anos por unha licenza, un plan de desenvolmento industrial. Hai empresas, señora Méndez, que se marcharon por non ter licenzas en menos de dous anos. Dinamizar o comercio local porque os locais están pechados, medidas fiscais para xerar novas actividades de emprego, e propoñemos un consorcio do casco histórico con Xunta e Estado. Nós iremos ás portas que fagan falla para explicarlle os nosos proxectos. É necesaria unha Administración áxil que non sexa un impediemento para a xente, e ser transparente nos contratos menores.

 Carballo: Para ter comercio, emprego e turismo, hai que empezar por ter unha cidade limpa, e non estar no ránking das peores cidades. Deixarnos de improvisacións e de falta de dirección política. O retraso do encendio das luces do Nadal, que fixo dano ao comercio local, foi un exemplo. Urxe un plan especial de tráfico para o centro, para garantir a seguridade dos peóns, facilitar cargas e descargas, itinerarios alternativos para ese transporte de servizo. Desde que foi alcalde García Díez, non se fixo unha ordenaza para o casco vello. Nós queremos incentivos fiscais que xeren emprego e empresas. Bonificar o IAE, liña de axudas para negocios do Camiño Primitivo, rebaixar o IBI para propietarios de locais pechados usando os seus escaparates para publicidade institucional. Temos que revitalizar o centro, non esquecer os barrios e fomentar os polígonos industriais.

 Lara Méndez: Xa vemos esa guerra de dereitas de pedigrí. Nós seguiremos potenciando os sectores competitivos en turismo de excelencia e na ecoloxía. Teremos o primeiro edificio feito con madeira galega, un barrio ecolóxico, apostamos pola primeira feira internacional da madeira para un reclamo, o empredemento na Tinería e un plan para dinamizar a mobilidade do casco histórico. E, señor Carballo, a ordenanza da que falaba é do 1991, non da época de García Díez. Queremos turismo de calidade, buscar o cuarto patrimonio da humanidade, dinamizar o Camiño Primitivo e apostar pola economía verde, colaborativa e de proximidade.

 Chorén: Podemos ver que se segue a falar de futuribles non realizables. Lugonovo tenta cambiar as cousas para as persoas. O primeiro obxectivo é apostar polo comercio de proximidade e a hostelería como base. Tamén apostar polos polígonos industriais, a universidade e o rural. Todo ten que ir nun paquete conxunto para traballar. Se non somos capaces de poñelos en valor, é difícil saír adiante. Sería bo ter oficinas de asesoramento para poñer no mercado os produtos lucenses. Lembro que no noso rural temos mil explotacións activas nas 54 parroquias, e sería bo diversificar a produción e vender no mercado tradicional, e buscar maneiras de transformar ese produto. Apostar polos polígonos para ser a base loxística. Gándaras e O Ceao teñen que aproveitar a líña férrea. E todo ten que ir da man da universidade para desenvolvelo.Todo o noso futuro ten que saír da universidade.

 Arroxo: Que temos en Lugo?: funcionarios, autónomos e pequeno comercio e empresas. Como podemos mellorar a situación laboral? Seguimos pensando que A Coruña ou Santiago están a cen quilómetros e temos que mudar e que sexan eles o que veñan aquí. Temos un casco histórico único, pero sería impensable a imaxe da Tinería ou as traseiras do Carril das Nóreas nunha cidade como Compotela. Aquí pensouse nun PXOM para unha cidade como Vigo. A xente que ven a Lugo sorpréndese da riqueza ambiental do Miño e do Rato e hai que telos ben atendidos. Lugo ten máis de 40 quilómetros de sendeiros fluviais. Nós queremos converter a Lugo nunha capital do turismo deportivo. Podemos facer campeonatos de alto nivel.

 Portoñeme: á alcaldesa gústalle presumir de futuribles. Aí temos as letras horteras das entradas da cidade. Grande fazaña da alcaldesa. Temos un problema serio porque o pequeno comercio pechou, temos unha cidade arrasada. O que antes eran comercio e negocios familares hoxe están pechando. É necesaria unha moratoria de grandes supercificies, porque acaban co pequeno comercio. E o PEPRI e o PXOM teñen que estar ao servizo da actividade económica. Non só é urbanismo, senón que inflúe na creación de empresas e comercios. E sobre o turismo de calidade: evitar que o centro sexan apartamentos turísticos e e evitar o turismo cutre. O centro é para vivir as persoas, non gastar cartos para baleiralo.

 

POLÍTICA SOCIAL E CULTURAL DE LUGO

 Os candidato expuxeron a súa visión nestes dous puntos:

 Louzao: Segundo fontes do Goberno, o Concello foi baixando ata un 30 % menos os gastos sociais. Hai dou meses de lista de espera en servizos sociais, e cando acoden é por unha necesidade. É preciso modernizar este colapso. Hai unha población inmigrante alta, que precisa axudas. Sería bo un servizo espefíco para eles, e para darlles resposta. Por outra parte, está a necesidade dun pavillón e unha piscina na zona de Abella, facer en San Fernando un colexio público e o de Quiroga Ballesteros dedicalo a unha escola infantil; apostar pola Escola de Música e a Banda, un centro cívico na Residencia, o vello carcere facelo un centro para os artistas de Lugo, porque vostedes constrúen continentes pero non hai contido. A xestión cultural foi inexistente. O Auditorio hoxe non o teñen aberto e os lucenses pagárono dúas veces.

Carballo: Queremos un patronato de cultura que aporte cultura estable, de nivel, coordinada, desestacionalizada. E ter unha estratexia clara dos usos dos edificios culturais. Recuperar a imaxe da Banda Municipal e que volva saír ás rúas. Mirar polo futuro da escola municipal de música, filmotecas; crear o consorcio do casco histórico para fomentar a excavación arqueolóxica, e un cronista oficial. En política social, reducir os tempos de entrega das axudas no alugueiro, retrasos nos servizos socias, fomentar o tecido asociativo e un plan de voluntariado nos maiores, SAF.

 Lara Méndez. Para facer moitas medidas das que se falan é necesario, señor Chorén, que por exemplo o seu partido apoie os orzamentos. Non sei se será un interlocutor válido ou terá esa autonomía. Os orzamentos hai que aprobalos e executalos en tempo e forma.Sen orzamentos non podemos facer nada, e cremos nos participativos, porque as letras da cidade foron decisión dos veciños e merecen máximo respecto, gústeme máis ou menos. Incrementamos en políticas sociais un 30 %, asumindo competencias da Xunta, como os comedores escolares, o Servizo de Axuda no fogar. A Xunta debe seguir co plan Paradai, coa Tinería, coa Residencia.. e vexo que ninguén leva no seu programa o museo da romanización

 Chorén: En políticas sociais, tratamos con persoas moi vulnerables. Propoñemos unha ventanilla única de atención que canalice a demanda. Propoñemos un sistema como a triaxe. Son necesarios os procesos de modernizacion, protocolos que esixan á Xunta a historia única de cada persoa para non perder tempo. Hai que traballar as persoas onde están: maiores que viven sós e incrementos a partidas de alugueiro. Polítcas de convivencia cos maiores. En materia de Cultura, entendemos, en contra do PP, que non queremos privatizala. Apostamos por un Consello municipal de cultura e que as ideas que flúan sexan dos autores lucenses, que aporten e se planifique en base á xente de Lugo, non con empresas que chegan co paquete e marchan. Espallar a cultura a todo o concello e non deixar morrer o MIHL.

 Arroxo: Queremos que se aposte por unha política tranversal en materia de igualdade. En servizos sociais hai anos que era patente. E unha proposta que nunca se fai, o ARU da Milagrosa, que non só é unha recuperación urbanística, senón un proxecto social para que as persoas en situación delicada non se queden atrás. Tamén o plan para Lamas de Prado con deficiencias que hai que subsanar, e os fondos Edusi poden usarse nun novo . É certo que se inviste en políticas sociais, pero a estrutura non se modificou desde o 2001, cando estaba Branca Rodríguez. Necesitamos unha nova para solventar e dar solucións a problemas actuais. Na parte cultural son necesarios proxectos para levar adiante, como a Escola Municipal de Teatro, potenciar a escola de música, que foi un gran acerto e onde están a saír proxectos interesantes, e o Concello debe fomentalas. E unha revidicación: crear unha axenda cultural única e ben promocionada.

 Portomeñe: Debemos partir dunha realidade, temos 16.000 persoas en risco de exclusión e 2.000 nenos en situación de malnutrición. A polítca do Concello ten que ir orientada neste eido. Progresividade fiscal e con taxas adaptadas a esta situación, vivendas colaborativas da terceira idade, apertura de centros escolares para conciliar en periodo non lectivos. Na cultura, a participación cidadá é importante. Temos un concepto de que a cultura é do pobo e para pobo, non o ocio de alto consumo como o Caudal Fest, 218.000 euros para un macrofestival, gasto sen ter retorno. O MILH é un edificio moi bonito pero sen actividade cultural, está pechado o auditorio, o Gustavo Freire non se sabe que se fará con el. Lugo ten unha iniciativa cultural enorme e estamos poñendo a Lugo no mapa do XXI. E queremos ter unha concelleiría de feminismo, que actúe de xeito transversal. O vello edificio de Telefónica en Quiroga Ballesteros pódese adaptar á escola de música.