A cultura galega vívese por toda a provincia

A festa das Letras celébrase o venres 17 con literatura, concertos, charlas, baile e xuntanzas gastronómicas

Orfeón Lucense
Orfeón Lucense

A provincia de Lugo celebra o venres 17 a festa das Letras Galegas con multitude de actos por diferentes localidades. Entre eles, haberá concertos, bailes, charlas ou xuntanzas gastronómicas.

Ademais dos actos culturais e lúdicos, moitas son as librarías que aproveitan esta data para promocionar a literatura en galego. A Libraría Biblos, de Lugo, por exemplo, estará aberta de 10.00 a 20.30 horas e ofrecerá un 10% de desconto en todos os libros en galego. Na Libraría Trama terán un Vermú das Letras Galegas, con Nordesía Vermú, de 12.00 a 14.30 horas e 10% de desconto nos libros en galego.

LUGO

A música, o baile e a literatura serán as protagonistas desta xornada.

A Praza Maior acollerá ás 13.00 horas un Festival de Danza Tradicional das nenas e nenos dos colexios Anexa, Menéndez Pelayo, Illa Verde, Luis Pimentel, Rosalía de Castro e Sagrado Corazón. Haberá baile tradicional galego e actuación do grupo de pandereteiras da Escola Municipal de Música de Lugo.

Tamén na Praza Maior e na Rúa Aguirre haberá a partir das 18.00 horas actuación das corais, orfeóns e grupos vocais lucenses en homenaxe a Antón Fraguas. Os grupos seguirán o paseo literario destes espazos, actuando diante dos bustos dos escritores: Álvaro Cunqueiro, Coral Lugh (Quen puidera namorala, O sol da primavera); Uxío Novoneyra, Coral Xolda (Sementeira, Compañeira); Curros Enríquez, Orfeón Lucense (A nena na fonte, O meu amor é mariñeiro); Otero Pedrayo, Coro do Hospital (Ai, flores de verde pino, Canción do temporal); Eduardo Pondal, Coral E. do Miño (Paxaro que vas voando, Lonxe da terriña); Rosalía de Castro, Cantar delas (Do mar pola orela, Os teus ollos); Valle-Inclán, Amigos do Camiño (Meus amores, Merla merlia); A.R. Castelao, Orfeón Xoán Montes (Vento mareiro, O cuco); e Manuel María, Solo Voces (Terra Chá, O cuco).

Ao rematar, todas as mulleres das corais interpretarán O pensar do labrego, e logo, todos os homes interpretarán a peza Lonxe da terriña. A continuación, todas as corais cantarán Negra Sombra e o Himno Galego. Estas actuacións conxuntas faranse nas escaleiras do fondo da Praza Maior.

A presentación dos actos correrá a cargo do xornalista lucense Paco Nieto.

Por outra banda, a plataforma Queremos Galego convoca un acto para reivindicar «liberdade, igualdade e xustiza para o galego», ás 12.00 horas na Praza Maior.

En canto á Rede Museística Provincial, celebra estes días as Letras Galegas e a Semana dos Museos. O Museo Provincial de Lugo celebrará ata o domingo as visitas guiadas Musalinguas, de 11.00 a 16.30 horas, unas «visitas dialogadas» con comunicación e intercambio entre guía e visitantes, «tendo en conta as súas linguas e culturas».

FRIOL

No Museo Fortaleza San Paio de Narla inauguran ás 16.30 horas as VII Xornadas de Interpretación e Dinamización do Medio Rural, que organiza a asociación Carballo Vivo, a Deputación, o Concello de Friol e a USC. Ás 17.00, as nenas e nenos de Friol leran textos de Antón Fraguas; ás 17.30 haberá unha conferencia de Antonio Prado, doutor en Historia, Antonio Fraguas, lucense de adopción e devoción; ás 18.30, representación teatral de Mulleres do Narla: cambiemos o conto, a cargo do grupo de teatro Carballo Vivo; e ás 19.30, actuación do grupo de música tradicional da asociación veciñal cultural deportiva Castelo Rato Arrincadeira Folk.

VILALBA

O Centro Cultural e Recreativo acolle unha homenaxe a Antón Fraguas cun concerto ás 20.00 horas a cargo da Coral Parroquial de Riotorto. Ao remate, haberá degustación de empanadas caseiras de balde.

Escritores chairegos participan no Festival das Letras Galegas. Haberá entrega de premios do certame literario ás 20.00 horas na Casa da Cultura, coa colaboración de Corredores de Sombra, e animación musical nas rúas a cargo de Os do Fondo da Barra.

A FONSAGRADA

O salón de actos dos Chaos acolle ás 18.00 horas o espectáculo O paroleiro, de Os Contos de Pablísimo.

A PASTORIZA

Reigosa celebra as Letras Galegas coa actuación do grupo de gaitas Biouteiro (16.30h), recitado da obra de Antón Fraguas, Agrupación Nove Ferreñas e grupo de baile con Iago Domínguez e, a partir das 18.30, merenda de balde para os asistentes.

POL

A carballeira de Mosteiro acolle a II Xuntanza das Letras Galegas, con pasarrúas a cargo da asociación de música tradicional Xaora (12.30h), pregón a cargo de María Concepción Fernández López, profesora da facultade de Humanidades (13.30h), xantar baixo carpa elaborado pola Asociación de Mulleres Rurais (14.00h), demostración de complementos de moda (15.00h) e, pola tarde, xogos populares a cargo de Vingolea, para nenos e adultos, e actuación do Dúo Muralla. Ademais, a Asociación Lucense de Automóviles celebra a Exposición de Coches Antigos e Clásicos.

MUIMENTA

Mamá Cabra actuará ás 18.00 horas na Casa da Cultura. O acto está organizado pola ANPA A Granda. A entrada custa 3 euros (nenos socios de balde).

RIBADEO

A Banda da Loba ofrecerá un concerto no auditorio municipal ás 20.30 horas, dentro da súa xira «Bailando as rúas».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

A cultura galega vívese por toda a provincia