Poesía e paixón: o legado máis valioso de Manuel María que resiste no tempo

Camilo Gómez continuou coa revista impulsada polo poeta e estudou en profundidade a súa obra literaria

Manuel María é un poeta que permanece vivo a pesar do paso do tempo. Aínda que probablemente non se lle dedique o espazo que merece nas clases da escola e nas librarías, hai moita xente que, mediante a súa lectura ou a través do estudo, fai posible que a súa voz e as súas letras permanezan inalterables ao correr dos anos.

Camilo Gómez Torres é, probablemente, unha das persoas que mellor coñece a obra de Manuel María. A súa tese de licenciatura levou por título Achegamento á poesía de Manuel María, e a de doutorado chámase Manuel María: poesía, traballo lingüístico e traballo cultural. Posteriormente, postulouse como escritor cunha longa traxectoria e estudoso da literatura. Unha mostra de que a cultura, o legado e as letras non se perden coa morte dos seus artistas, sempre e cando haxa persoas coma Camilo, que están dispostas a facer que os seus nomes ocupen o fogar e o corazón dos amantes da literatura.

Manuel María foi o seu mestre en Monforte durante o cuarto curso de bacharelato. «Despois deses nove meses, algunhas cousas cambiaron definitivamente para min», expón Camilo dende o corazón, xa que optou por centrarse na literatura tras ese encontro co poeta. «A paixón e mais o amor cos que Manuel María nos falaba dos escritores e das súas obras deixaron unha intensa e fonda pegada en min. Mudaron as miñas preferencias e gustos. Foi, sen sabelo, o meu mestre nos anos seguintes, na lenta pero progresiva aproximación á literatura galega», conta Camilo Gómez.

Este estudoso de Manuel María non desaproveitou unha soa das palabras do autor durante a súa longa estancia no corazón da Ribeira. Recolleu cada frase que escoitou na libraría Xistral de Monforte, sita nas Galerías Fontecha, e na súa casa, para plasmalas así para sempre sobre o papel. Ese templo dos libros foi o lugar de encontro con Camilo, pero tamén de conversa e debate, especialmente en tempo de vacacións.

Unha amizade de anos

Camilo marchou de Monforte para estudar e, cando retornou, «a amizade medrou e acrecentouse», conta Gómez, quen viviu o privilexio de ler os poemarios orixinais do autor lucense, así como as colaboracións xornalísticas que Manuel María facía con diversos medios. Chegado un punto, Camilo marchou para dar clase en Lugo e, na distancia, continuou recollendo datos do poeta e da súa obra.

A aparición de Xistral

«Nunha das conversas que os sábados mantiñamos na súa libraría de Monforte falamos da necesidade de crear unha revista poética, ese foi o xermolo da segunda etapa de Xistral», así describe Camilo o renacer deste medio que aínda está en activo e que divulgou hai unhas semanas a súa vixésimo primeira edición.

Manuel María creou Xistral no ano 1949 e publicou dúas edicións en edición bilingüe na que participaron autores como Cunqueiro, Pimentel e Aquilino Iglesia. Tras medio século de silencio, no 2000 a revista reviviu da man de Camilo Gómez, cun proxecto no que destacou a pluralidade e a diversidade.

Este ano, o número 21 foi coordinado por Toño Núñez, o novo temón de Xistral que, sen dúbida, tentará outorgarlle unha longa vida a esta nova etapa da revista impulsada por Manuel María, do que se pode afirmar que é un dos poetas máis importantes da literatura galega.

Votación
3 votos
Comentarios

Poesía e paixón: o legado máis valioso de Manuel María que resiste no tempo