«O canicrós deixou tanta pegada en min que necesitaba plasmalo en papel»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

O adestrador Fernando Pérez vén de presentar o seu libro en Sant Jordi, unha obra que pode axudar a levar unha existencia máis activa

28 abr 2019 . Actualizado a las 18:41 h.

Hai cinco anos a vida de Fernando Pérez deu un xiro radical. Da man do seu can Sentinel comezou a practicar canicrós e a somerxerse nun mundo no que é plenamente feliz. Deu un salto ao baleiro, deixou atrás a súa profesión de profesor de guitarra no conservatorio e converteuse en educador canino. Formouse para axudar a outros ao tempo que se facía un nome propio no mundo do canicrós. Hoxe, un lustro despois de ter volteado a súa vida, ten nas súas mans Ponte en forma con tu perro, un libro que vén de presentar en Sant Jordi e que xurdiu da súa necesidade de poñer negro sobre branco o cambio emocional que experimentou.

-«Ponte en forma con tu perro» é unha guía ou algo máis?

-É un libro máis emocional ca técnico. Publicouse este mes. O cambio emocional en min foi tan profundo, o canicrós deixou tanta pegada en min, que necesitaba plasmalo en papel. O libro naceu dunha necesidade emocional. Ademais, tampouco hai tantos libros específicos de canicrós e cada vez hai máis demanda; a xente necesita un manual para, cando quere iniciarse, saber a onde recorrer.

-Que se pode atopar no libro?

-Decidín centrarme moito no adestramento. En como adestrar, en que podes facer para poñerte en forma co teu can. Os pasos a seguir, o material, como podes adestrar ti, o can e como podemos adestrar os dous xuntos. É moi temático. E, logo, polo medio hai cinco capítulos que eu chamo emocionais e nos que narro en primeira persoa as carreiras máis emocionantes para min ata o de agora. O campionato galego do 2014 foi o da miña eclosión: era a primeira vez que facía canicrós e levaba só un ano practicándoo, pero gañamos. Para min foi impresionante, non o feito de gañar senón a sensación. Ese día chorei. Cambioume a vida por completo.

-Este libro pode servir tanto para quen xa está no mundo do canicrós como para quen quere iniciarse?

-Si. É tamén un libro válido para xente que vén xa de correr e que nunca pensou en correr cun can, pero quere probar, e tamén para xente que ten un can pero non practica deporte. O can pode axudar moito a cambiar de vida e levar unha existencia activa. Recoméndoo, un can demanda exercicio e axuda moitísimo.

-Que descubriu nestes anos como profesional da educación canina?

-Cando empecei a practicar canicrós, comecei a formarme e a saber máis de cans; era imprescindible. É un mundo moi profundo e que cada vez evoluciona máis. É moi psicolóxico, porque o can non fala pero ten unha linguaxe diferente. Hai moito déficit nisto, hai moita xente que ten can pero non coñece como funciona a súa mente. Hai moitos países nos que incluso é obrigatorio facer un curso polo menos preparatorio para saber o básico. Pode haber moito máis escondido do que se ve nun can.

«A educación canina en liña funciona bastante ben, non somos moitos en España»

Cando decidiu dedicarse á educación canina, Fernando Pérez comezou a traballar de xeito presencial. Agora segue a traballar con deportistas, pero ademais puxo en marcha un proxecto de adestramento canino en liña.

-Educación canina por Internet. Soa do máis innovador.

-Si. Funciona bastante ben, non somos demasiados os que a ofrecemos en España, aínda que cada vez hai máis porque é moi cómodo, xa que a xente pode formarse dende a casa. Podes gravar vídeos ou ofrecer clases en directo, e é un traballo moi cómodo porque non tes que desprazarte e os horarios son máis flexibles.

-Que contidos imparte?

-Hai de todo, dende xestión do estrés, obediencia básica, canicrós, canicrós para profesionais, tratamento do medo, nutrición canina, viaxar con cans... A xente demanda un pouco de todo. No meu caso o canicrós funciona moi ben porque é a miña especialidade, pero en realidade a xente apúntase a todo o que lle resolva un problema co seu can no día a día. Dende consellos para que o can viaxe tranquilo a mellorar a convivencia. Son clases guiadas a través de vídeos tutoriais. Adoitan ser cursos de oito clases e a xente fainos ao seu ritmo. Pagas e tes acceso ao campus en liña.

-E poden personalizarse?

-Moitos dos cursos son persoais, a xente manda as súas dúbidas e eu analízoo. Iso, nos cursos premium. Por exemplo, cos profesionais de adestramento eu falo cos atletas todos os días e resólvolles as dúbidas.