Cristina Pérez: «Tiven que meterme en política por todo o que vivín na oficina emprego»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

Óscar Cela

A candidata de En Marea por Lugo cre que a provincia necesita ter boas infraestruturas para que se poda crear emprego e salarios de calidade

25 abr 2019 . Actualizado a las 19:05 h.

A Cristina Pérez Herraiz a súa experiencia laboral levouna si ou si a acabar meténdose en política. O seu traballo nunha oficina de emprego, atendendo a centos de lucenses que acudían a ela en plena crise, coñecendo situacións familiares dramáticas, fíxolle acender o botón de que desde detrás dun mostrador, onde intentaba axudar no que podía, non chegaba. «Non tiña experiencia política pero si formei parte dun grupo de persoas que no 2014 criamos que chegara o momento de facer algo por cambiar as cousas», explica a actual voceira de Lugonovo.

Pero nestes cinco anos xa lle tocou vivir tamén os problemas da política, como foi a ruptura da esquerda. No 2014 formaba parte do proxecto de AGE, logo foi de número dous de Lugonovo, quedando á fronte da formación no 2017 trala marcha de Rocha e agora, tras haber sido elixida como candidata ao Concello, metéuselle polo medio as eleccións xerais, e pedíronlle que encabezase a lista de En Marea, quedaron Xosé Chorén para liderar a de Lugonovo.

Moitos cambios nunha esquerda e unha pregunta, por que non hai unidade e se presentan distintas listas?: «Nós sempre tivemos a portas abertas, pero houbo un proceso de primarias, e non pode ser que se perdes intentes pór doutro xeito a túa opción e senón me gusta, abandono». Cando se lle pregunta cal é a diferenza cos ata o de agora compañeiros de Unidas-Podemos, Cristina Pérez é clara: «A defensa de Galicia, tal e como se puido ver na votación dos orzamentos do Estado». Aínda así non perde a esperanza de que no futuro se volvan a unir: «Oxalá nos teñamos que encontrar no camiño, iso será sinal de que estamos aí».

Cristina Pérez di que está a gozar con esta campaña. Por un lado porque lle está a permitir coñecer proxectos de lucenses anónimos que están a desenvolver a provincia, e por outro porque recoñece que goza co contacto coa xente da rúa: «É normal que estea enfadada, porque a xente do común pagou o pato da crise e da corrupción, e ademais percibín que os gobernantes non teñen contacto coa vida real».

Para que unha provincia como Lugo saia dos índices negativos a nivel económico e social, a candidata de En Marea considera que dispor dunhas boas infraestruturas traería consigo oportunidades e desenvolvemento, e pon como exemplo os concellos do eixo atlántico. «Ninguén se vai a vivir ao rural se ten un médico a dúas horas ou non hai colexios para os seus fillos».

Cando se lle pregunta polo seus referentes políticos sinala que «desgraciadamente nunca houbo mulleres, pero que agora si valora a Carmena e Colau», e lembra que ela forma parte dunha xeración de lucenses que viviron a explosión das liberdades coa morte de Franco, «pasamos de estar todo prohibido a estar todo permitido», pero que logo se tiveron que dedicarse á crianza dos fillos. «Quizais foi culpa nosa, que lles cubrimos as necesidades, pero os nosos fillos non se involucraron na política, pero agora creo a mocidade si que se volveu a enganchar».

Lugo, 1961. Ten tres fillas.

Trallabadora do Estado, na Inspección de Traballo e no INEM.

Edila de Lugonovo no Concello de Lugo desde o 2015. Voceira do grupo municipal desde o 2017.

«A En Marea o que a diferenza de Unidas-Podemos é a defensa de Galicia, pero oxalá no futuro nos teñamos que encontrar no camiño, iso será sinal de que

estamos aí»