«A nivel social a enfermería está recoñecida; no institucional, non»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO

LORENA GARCÍA

A Academia está a tomar un novo pulo para dotar aos profesionais dun novo marco científico e investigador

24 abr 2019 . Actualizado a las 08:29 h.

Isidoro Rodríguez Pérez ten alma de humanista e sente paixón pola súa profesión, a enfermería. Dende o pasado mes de setembro deixou a parte asistencial para dedicarse á ensinanza, a formar a futuros enfermeiros, ao tempo que loita pola súa profesión dende a Academia de Enfermería de Galicia, fundada no 2013 e á que agora lle están dando un novo pulo. El é o seu presidente.

-Cal é o obxectivo co que naceu, e agora se impulsa de novo, a Academia de Enfermería de Galicia?

-O básico era conformar un grupo de xente que quixese colaborar para que a Academia ocupase un lugar científico como cremos que lle corresponde e que estea á altura doutras disciplinas que traballan nos eidos das ciencias da saúde. A enfermería foi un pouquiño castigada porque, se ben é certo que forma parte da Universidade dende o ano 80, curiosamente a enfermería non podía acceder ao segundo ciclo, non podía graduarse e moito menos doutorarse. O que pode parecer una nimiedade, é moi importante porque á hora de realizar investigación, ao non ter os títulos superiores poñíanselle trabas e non se permitía facer investigación de xeito directo. Había que facela a través doutro doutor, normalmente un médico. É dicir, a enfermería facía as investigacións, pero non levaba o creto, non tiña ese recoñecemento.

-Pero esa situación cambiou?

-Tardouse trinta anos en acceder ao nivel de grao. Isto fixo que moitos profesionais da enfermería optaramos por licenciarnos noutras carreiras máis ou menos afíns para poder acceder ao doutoramento. Hoxe en día no estado español tense acceso xa a programas de doutoramento, aínda que curiosamente en Galicia non hai aínda programas de doutoramento específicos para enfermería, e a enfermería segue tendo que doutorarse a través doutras disciplinas. Esperamos que se solvente pronto. Por parte das Universidade están a poñer os seus medios.

-Ese é un dos retos que perseguen.

-Esta necesidade é un obxectivo, é prioritario que a enfermería faga visible o que leva facendo toda a vida, que os enfermeiros e enfermeiras fagan investigación, que vexa a luz e estea oficializado.

-Que portas abre pertencer a unha academia?

-A idea é estar aí, contar con esta institución para que sirva de aval, de pulo, de referencia para os profesionais da enfermería. Hai moita xente que nos di que quere facer doutoramento e non sabe como encamiñalo. Hai outros espazos, os laborais ocúpano por exemplo os sindicatos; logo están os colexios profesionais, que se ocupan de que o profesional realice unha boa praxe; pero faltaba seguramente esa institución que diga: ‘vamos a que a enfermería investigue’. Imos empuxala nese sentido, axudar aos compañeiros que queren facelo. Que lles resulte un pouquiño máis doado. Ao ser unha institución oficial, trata a outros niveis.

-Que criterios se seguen para ser académicos?

-Hai que ser enfermeiro, ter un doutoramento nalgunha das disciplinas. Adquírese un compromiso de traballo coa profesión a outro nivel, e tamén un compromiso un pouco máis alá, se é que é posible, porque realmente a enfermería xa está moi comprometida coa sociedade e as persoas. É un paso máis nun campo diferente ao da actividade clínica ou do ensino.

-Considera que a enfermería ten o suficiente recoñecemento entre a sociedade?

-É moi curioso porque a nivel social a enfermería si está recoñecida; no institucional, non. Todo o mundo ten moi claro quen o coida, tanto no centro de saúde coma no hospital. Outros profesionais fan outro traballo, pero non coidalos. Institucionalmente? Creo que non se valora. Hai datos sorprendentes, como que o Consello Asesor de Sanidade acábase de conformar con catorce médicos e unha enfermeira. Isto dío todo. E en nivel de dirección, cantos enfermeiros coñecemos que sexan xerentes dun hospital, cando son profesionais que coñecen perfectamente a situación, a xestión e a economía? Ocupan eses postos outras disciplinas sanitarias. Segue sendo vista como unha subalterna.

-Iso doe?

-A enfermería, se non maltratada, si é ninguneada como profesión. Eu compároo, salvando as distancias, coa situación da muller. Vivimos nun mundo machista, gústenos ou non. A enfermería é dobremente castigada, primeiro polo feito de ser muller, e

o xénero chega ás profesións, hai profesións masculinas e outras femininas, e a enfermería é feminina e hai unha serie de castigos que se lle dan ao home porque se escapan da norma social.

«En Galicia non hai aínda programas de doutoramento específicos para enfermería»

«Antes a

enfermería facía as investigacións, pero non levaba o recoñecemento»

O Lucus Augusti acolle hoxe a presentación e unha conferencia

Hoxe terá lugar no salón de actos do hospital Lucus Augusti unha sesión da Academia de Enfermería de Galicia. A partir das 12 da mañá terá lugar a presentación da academia. A continuación haberá unha conferencia sobre «Intervención enfermera en las misiones humanitarias de la Guardia Civil en Frontex», a Agencia Europea de Fronteras y Costas, a cargo de Miguel Ángel Iglesias Blanco, xefe do Servizo de Asistencia Sanitaria da Comandancia de Lugo.

«A enfermería española está recoñecida como unha das mellores a nivel mundial»

Cando Isidoro Rodríguez analiza a actualidade do sector da enfermería, ten palabras de recoñecemento para os profesionais galegos.

-Como cualificaría a saúde do sector da enfermería?

-A enfermería española está recoñecida a nivel mundial como unha das mellores enfermerías, e a nivel europeo, rífannos, hai auténticas pelexas por querer unha enfermeira española. Porque ten unha formación académica universitaria alta, cousa que noutros países aínda non está, e porque ten capacidade para solucionar. Ademais de eficaz é eficiente. No estado español aínda non somos conscientes desa situación. Eu vexo como os nosos alumnos rematan enfermería e no momento que queiran poden marcharse para o país que queiran, son moi ben recibidos.

-Entón, a situación é positiva.

-Por un lado temo iso, a capacidade, o que conta a enfermería, o nivel académico. Despois, a situación de traballo aquí continúa sendo unha profesión subalterna dentro do sistema porque o sistema sanitario español, a pesar de que non nos gusta a moitos, é un sistema piramidal e biomédico. Hai moitos médicos tamén en contra. Vemos un organigrama e na cúspide da pirámide aparece outro profesional, despois a enfermería, etc... Os que están na base aguantando todo o seu peso son os individuos, os pacientes que denomina o sistema, que son usuarios dos noso sistema de saúde, que son os que non teñen que aguantar o peso da pirámide. Nós avogamos por unha enfermería interdisciplinar na que no centro de todo está o usuario e todos os profesionais estamos ao seu redor e tendo unhas relacións abertas.