Un lobo chegou ás portas do Gran Teatro no medio da néboa

Xosé Carreira / LA VOZ

LUGO

Colección Fernando Arribas

A exconcelleira Branca Rodríguez Pazos culpa ás institucións de non ter salvado o inmoble

14 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un lobo ás portas do Gran Teatro. Ese feito rechamante é unha das moitas lembranzas que ten Branca Rodríguez Pazos, ex concelleira do BNG en Lugo, unha das persoas máis activas da cidade na loita por evitar o derribo do grande coliseo da cidade. Non recorda con exactitude a data da presenza do animal diante das carteleiras, pero si como aconteceu.

ALBERTO LÓPEZ

«É unha anécdota que lembro sempre. Enfronte do edificio había una confeitaría á que iamos antes do cine. No segundo vivía un médico, don Víctor Armesto, e o lado estaba cervexas El León, que tiñan o eslogan de “Cervezas el León: ¡Que ricas son!”. Nun día de moita néboa, detrás do camión que viña para o almacén apareceu un lobo. Estivo alí, na chaela do Gran Teatro. Segundo os xornais, viñera detrás do camión das cervexas », relatou Rodríguez Pazos.

Esta muller, agora xubilada, segue a ser activista cultural na cidade. Lamenta profundamente que as institucións non foran quen de salvar o Gran Teatro, do que conserva moitos recordos. «Na miña nenez o Gran Teatro foi a miña casa porque vivía ao lado. Teño marabillosas lembranzas, sobre todo de cando viñan as grandes compañías teatrais con grandes actores, como, por exemplo, Fernando Fernán Gómez».

«Os actores e o persoal -contou- ían tomar café, antes ou despois, ao España antigo, un café moi amplo. Por veces pasaban polo Metropol. Evidentemente, sendo adolescentes, buscabamos aos artistas para velos».

Rodríguez Pazos lembra que asistiu a concertos de grandes estrelas da canción, como foi o caso de Jorge Cafrune, Mercedes Sosa... Houbo concertos de autores que daquela facían canción protesta, nuns momentos nos que agromaba esa corrente.

Asemade, actuaron outros artistas de diferentes estilos como, por exemplo, Manolo Escobar. «Era unha toleada de xente cando viña algún artista destacado», di Branca Rodríguez quen lembra como unha persoa escribía na grande pizarra da entrada, con letras brancas de grande trazado, o título das películas que se estreaban... Asemade, ten moi presentes as proxeccións do Club Valle Inclán.

Esta muller destacou tamén a configuración do local, de tres niveis e varias categorías de butacas. Para as de xeral, por exemplo, había entrada lateral próxima á muralla.

Cre que o prezo das entradas era, nas épocas nas que ela acudía ás proxeccións, de cinco pesetas. «Esa era a tarifa que había no Cine Paz, no que poñían películas infantís», explicou. Pazos di que, cando ela tiña 14 ou 15 anos, os xoves pola tarde acudían tamén os seminaristas que saían pasear. «Naquelas épocas, os xoves pola tarde non tiñamos clase e era, polo tanto, un bo momento para ir ao cine», expresou.

É necesario preguntarlle a Branca Rodríguez as razóns polas cales Lugo non salvou ao Gran Teatro. «Non se salvou, pese a loita da sociedade, polo desinterese das institucións. A xente lucense ás veces non é moi participativa en manifestacións; pero houbo loita por parte dalgunhas asociacións, como foi, por exemplo, o Valle Inclán. Pelexamos moito, fixemos mesas redondas, buscáronse especialistas... Eu era xa concelleira do BNG, e naquel momento trouxemos uns arquitectos da Coruña, un deles Casabella, para que nos fixeran un presuposto, porque se dicía que custaba moito arranxalo. Quedaron marabillados coas baldosas, co ambigú, coa fachada... Calcularan, non recordo canto, o custe. Non era caro! O edificio, do arquitecto Alfredo Vila, estaba moi ben conservado e era fácil mantelo polo seu deseño», lembrou.

«O Gran Teatro púxose á venda por poucos cartos, pero chegaron as especulacións. Nós, como partido, presentamos multitude de iniciativas, incluso en Santiago. Entrevistámonos con conselleiros... Fixemos unha loita grande, pero creo que non había interés por parte das institucións e autoridades tanto do Concello como da Deputación, que naqueles tempos presidía Francisco Cacharro», lembrou.