Unidas-Podemos acusa aos recortes do PP do atraso de Lugo

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO

Carlos Castro

10 abr 2019 . Actualizado a las 08:59 h.

En Comun-Unidas Podemos presentou onte en Lugo a súas candidaturas ao Congreso e ao Senado, que teñen como cabezas de lista a Vanessa Somoza e Nery Díaz. No acto participaron candidatas do resto de Galicia, como Ángela Rodríguez, Gómez Reino e Yolanda Díaz. Nery Díaz abriu o acto para sinalar que En Común nace «para crear unha sociedade mellor, con proxectos de esquerda e de protección do medio ambiente. Creo firmemente nos colectivos que queren contribuír no ben común dende a solidariedade e o feminismo, por un horizonte vermello e verde». Logo interveu o responsable de Podemos en Lugo, Josito Pérez, quen destacou a perda dos servizos educativos e sanitarios «tralos recortes do PP, co que Lugo é unha provincia que perdeu nos últimos anos 25.000 habitantes, pecharon empresas, e cada vez se fai máis difícil vivir aquí».

Somoza resaltou a importancia destas eleccións para «deter a auxe dunha extrema dereita á que temos que parar os pés». Sinalou que en Lugo «somos o terceiro municipio galego con máis pobreza ancorada, é dicir, onde non se pode saír. Todo isto temos que mudalo, derogando as reformas laborais e por medio de leis que melloren a vida das persoas, porque se pode facer. Só falta vontade».

Tanto Gómez Reino como Yolanda Díaz destacaron que optar a gobernar para «crear un futuro no que teñan cabida as maiorías sociais».