Teatro, música e narración oral da man de Carmen Conde chegan o domingo 7 a Antas de Ulla
05 abr 2019 . Actualizado a las 12:46 h.Domingo 7 • 19.30 horas • Auditorio da Casa da Cultura • Antas de Ulla •
Carmen Conde e Tarabela Creativa levan a Antas de Ulla o espectáculo Tabú, cuxo obxectivo é transmitir historias de sexualidade arredir dos anos sesenta en Galicia. Con teatro, música ao vivo e narración oral, Tabú dá a coñecer as «historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade (a máis cruel e a máis desexada) das mulleres que son cimento da nosa terra, as que poden explicar o que somos agora nós: fillas do Tabú».
Tabú nace das conversas mantidas con mulleres de entre 70 e 95 anos do Valmiñor, O Morrazo, O Courel, A Mariña, a Costa da Morte e o Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude.
A contadora, dramaturga e guionista Carmen Conde encargouse do texto e das recollidas, transmitindo todos eses testemuños despois enriba do escenario. A música corre a cargo de Laura Lamontagne, mentres que o deseño sonoro vai da man de Ezequiel Orol; a escenografía e deseño gráfico, con Neves Seara; Avelino González traballa de asesor de escena; e o ulloán Diego Gallego leva a produción.
Ademais de Tabú, Tarabela Creativa traballa na distribución dun espectáculo de narración oral a tres bandas baixo o nome de Sentido Común, que pretende levar ás salas os contos de Ángeles Goás, Dani Blanco e a propia Carmen Conde. A xira comezará o día 24.
A produtora tamén está achegando aos colexios e institutos de toda Galicia o espectáculo Departamento de Ficción, e encóntranse en fase de produción da serie web Premios Darwin.