Preocupación polo medio rural galego

APENAGAL FIRMA INVITADA

LUGO

ROI FERNANDEZ

24 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

AAsociación Profesional de Enxeñeiros Agrarios da Administración Autonómica de Galicia (APENAGAL) conta con mais dun centenar de enxeñeiros técnicos agrícolas e enxeñeiros agrónomos asociados, que realizan a súa labor basicamente na Consellería de Medio Rural. Dende esta asociación véñense de ter reunións con autoridades en materias vinculadas a aspectos relacionadas co mundo rural, que van dende a formación agraria até temas relacionados coa xestión do persoal que prestamos os nosos servizos nesta consellaría.

Nestas xuntanzas expuxemos inquedanzas que consideramos de vital importancia para o desenvolvemento do agro galego, sempre desde unha perspectiva de colaboración e apoio. O resultado das xuntanzas prodúcenos un elevado grao de preocupación, pois non observamos ningún avance nas materias que neste intre son transcendentais para a calidade do servizo que presta a Consellería do Medio Rural.

Con esta comunicación o que pretendemos é, ademais de dar a nosa humilde opinión, darlle visibilidade a un problema que parece non importar en certos eidos de decisión e co afán que entre todos poidamos reflexionar conxuntamente e procurar unhas directrices claras para un sector estratéxico para Galicia como é o agrario, tanto desde o punto de vista económico coma demográfico.

Para poder facer unha labor correcta de promoción e desenvolvemento rural, o primeiro que se precisa son profesionais que poidan colaborar estreitamente coas persoas que teñen ese interese en emprender nun ámbito cada vez máis hostil. Pero parece que paralelamente ao despoboamento que sufre o rural tamén se despoboan os servizos que ofrece a administración agraria. Por exemplo, non se entende que non se cubran prazas vacantes dotadas orzamentariamente existentes en servizos centrais, periféricos e sobre todo oficinas agrarias comarcais, para encher o baleiro de técnicos e de persoal administrativo, moitos deles, con baixos niveis económicos e unha elevada responsabilidade na tramitación de expedientes e en actuacións administrativas sobre explotacións agrarias, pouco claras, pouco apoiadas, pouco valorizadas e pouco organizadas e que poden ter unhas repercusións moi importantes de cara á viabilidade desas explotacións.

O caso das oficinas agrarias comarcais de Lugo e Xinzo son a punta do iceberg, pero quedan moitas mais por citar. O problema de persoal é dobre, por un lado a falta de efectivos, especialmente técnicos agrarios, e por outro o pouco atractivas que son as prazas da consellería do Medio Rural para o persoal administrativo, que prefire ir cara outras consellerías, que si valorizaron as súas prazas.

A menos dun mes vista para aprobar unha Relación de Postos de Traballo da Consellería, todo parece indicar que non se van corrixir erros históricos que se veñen arrastrando de vello, nin outros novos vinculados á xubilación masiva de funcionarios de antigos servizos que se produciron nestes últimos anos, e que selaron o seu paso polo medio rural e aos que a sociedade lles outorga recoñecemento pero non así a administración.

A vinculación orzamentaria co tema de extinción de lumes en exclusiva, sen implementar medidas públicas de desenvolvemento rural, cunha visión a longo prazo, social, altruísta e transparente, que no seu momento fixeron, na medida das súas posibilidades, as Axencias de Extensión Agraria, e que hoxe non teñen substitutos por ningún lugar, deberán dar que pensar os responsables públicos.

O primeiro paso para iniciar a reversión desta situación é a oferta de prazas libres para técnicos agrarios, pero esta capacidade de corrección vai brillar pola súa ausencia nesta lexislatura, pregoada como de recuperación do rural.

En pouco tempo a dixitalización vai impactar de cheo sobre as explotacións, xa o fai agora sobre as persoas xurídicas, pero pouco a pouco as pequenas explotacións van sufrir as consecuencias. Creemos que se necesita unha organización capaz de axudar a amortecer o impacto, namentres o relevo (en teoría mais formado) chega pouco a pouco á dirección das explotación. Se non somos capaces de conseguir isto o feito é que aceleraremos o peche de explotacións e o abandono do medio, ante as dificultades dos titulares de mais idade para as xestións administrativas básicas.

En resumo, vimos dunha organización dos anos 60-70 da cal se foron as persoas, pero quedaron as estruturas ( algo enferruxadas, iso si). Unhas estruturas que temos que aproveitar para recuperar o dinamismo no rural, para formar aos nosos mozos gandeiros ou agricultores na busca da excelencia profesional, axudarlles e colaborar nas súas tomas de decisións poñendo sobre a mesa puntos de vista diferentes aos seus, favorecer a mobilidade de terras, a implantación de novos cultivos ou técnicas de produción, etc. En definitiva, evitar que todo o conseguido a través do esforzo de toda a sociedade ao longo de moitos anos remate condenado á desaparición, ao abandono e a que o noso agro sexa un deserto demográfico.

Hai retos novos coma novas pragas que castigan aos nosos cultivos, a hixiene produción primaria vexetal, condicionalidade, seguridade alimentaria, os rexistros básicos para poder realizar unha ordenación axeitada dos sectores,... pero sobre todo, necesítanse catalizadores públicos dentro dun Plan de Actuación Agrario a longo prazo, mais aló dos Programas de Desenvolvemento Rural actuais, que se ben son unha ferramenta importante desde o punto de vista do financiamento, non se poden considerar documentos que marquen liñas de traballo nin obxectivos a longo prazo.

«O caso das oficinas agrarias comarcais de Lugo e Xinzo son a punta do iceberg»

APENAGAL Asociación Profesional de Enxeñeiros Agrarios da Administración Autonómica de Galicia