Vanessa Fernández: «No rural hai vida. A xente non quere marchar da súa casa; bótana»

No libro «Aldeas e vales da Serra de Ancares», a autora reflexiona sobre Os Ancares e os problemas do rural de Galicia


lugo / la voz

Vanessa Fernández Fernández (Murias de Rao, Navia, 1984), é doutora en Xeografía e licenciada en Xornalismo e Humanidades. Fixo os estudos primarios en Navia, e logo estudou en Lugo e dous anos de bacharelato en Estados Unidos. Despois as carreiras na Universidade de Salamanca, e cando volveu para Galicia traballou na Uned. No 2013 defendeu a súa tese doutoral sobre os Ancares, e agora acaba de publicar un libro Aldeas e Vales da Serra de Ancares. O territorio desde dentro, que resume ou recolle unha parte desa tese. O libro fala tanto sobre a vertente galega como sobre a leonesa. De feito intentou que fora publicado conxuntamente por ambas deputacións, aínda que finalmente tivo que facelo so coa de Lugo.

-¿Como naceu este proxecto?

-Eu crieime en Murias, e vía moitos artigos e publicacións sobre Os Ancares, cos que non me sentía representada. Por iso, cando tiven oportunidade quixen contalo eu desde a nosa perspectiva de veciños, coas nosas necesidades, os nosos símbolos. E co debido rigor académico, tratei de facelo a través de tres miradas: a mirada formal, a interceptada, (as dúas proveñen de fora do territorio), e a vital, a interna.

-¿Son tan diferentes?

-Moito. E agora neste mundo globalizado, o que se decide en Bruxelas aplícase en Murias de Rao. Así que eu vía que as miradas externas son as que toman as decisións das medidas que se aplican nos Ancares, porque aos de aquí non se lles pregunta. E moitas medidas que toman para o rural dende fóra, non teñen éxito.

-Explíquese.

-¿Por qué o rural se sigue despoboando? Quizabes porque non se lle está consultando á xente de aquí. Na parte do libro sobre a mirada formal recollo os estudos técnicos, o dos parlamentos, o dos políticos... todas esas publicacións sobre Os Ancares: quén falou, cando etc. E conclúo que foron artigos parciais, sobre fauna, flora, morfoloxía, ou sobre a conveniencia do parque natural, as pallozas ou o urogallo. Todas eran miradas parciais, porque as poñían de moda certos grupos de presión ou demandas urbanas, e había que facer algunha declaración. E como os políticos son oportunos e aproveitaban isto, pois tómanse decisións sen contar coa xente de aquí. Estas miradas formais son as que teñen máis peso porque son as que crean normativa.

-¿E cales son as outras miradas?

-As miradas interceptadas son as que fan os medios de comunicación. Coñecemos polo que vemos nos medios, de xeito indirecto. Sempre xogan un papel moi influinte para dar a coñecer a nosa realidade, pero moitas veces quédanse no anecdótico ou o exótico. Sobre todo os medios nacionais, porque pola súa distancia, son os que mais distorsionan a imaxe. Eu vivín nos Ancares e nunca vin un urogalo, por exemplo. Estes símbolos que crean os medios, non son en realidade os nosos.

-¿E cal é terceira mirada?

-A mirada vital. Está formada polos sentimentos e recordos de cada un de nós, a memoria colectiva, uns valores que se están a perder, e unha relación co medio e o entorno moi diferente do que temos hoxe. Hai medio século a vida alí era sostible porque a poboación local ten un coñecemento sobre este ecosistema que fixo que se conservara todo isto ata hoxe. Pero nunca foron estudadas estas miradas vitais.

-¿E isto foi sempre así?

-Eu no libro repaso a súa evolución en tres partes. Primeiro, os tempos pasados, para coñecer como era a vida e as paisaxes a mediados do século pasado. A segunda, os tempos de mudanza: o éxodo rural que foi baleirando estas aldeas nas últimas décadas, cando tamén se foron modernizando, tanto as labores do agro como os servizos, os camiños ou as traídas de augas. Moitas destas melloras foron feitas pola propia comunidade veciñal, como as pontes e os camiños, adiantándose ás administracións, que daquela xa volveran as costas á montaña. E no tempo presente, ¿quen vive aquí e cales son as súas demandas? Moita xente maior por exemplo non quere marchar da casa, e o que subvencionan dende fóra é que se fagan residencias da terceira idade. Bótana. Tamén incorporo as visións dos nenos e rapaces, aos que lles pasei unha enquisa para saber se lles gusta vivir na aldea, que lles gustaría facer no futuro, e quedan así recollidas as súas opinións. Incluso lles preguntei aos mozos se por ser do rural percibían que os consideraban menos que os da cidade. E o certo é que aínda desde fóra sigue habendo xente que cre que ser de pobo é algo inferior. E desto tamén fixen unha reflexión no libro, para os políticos, para que dende as cidades e as súas escolas se empecen a valorar estes territorios, que prestan un servizo medioambiental imprescindible á sociedade actual, (os bosques que purifican o aire, a auga limpa que bebemos, os alimentos naturais que comemos...). Por iso os políticos deben pensar que no rural vive xente e que son os creadores deste paisaxe que moitos gozan os fines de semana.

-¿Cales son as grandes conclusións do libro?

-Que é necesario repensar estes territorios como espazos de vida e esperanza. Porque ademais aínda vive aquí moita xente, a pesar das trabas que parecen recomendarlles coller as maletas.

-¿As administracións non fan nada polo rural coa súa forma de actuar aínda que non paran de lanzar esta mensaxe?.

-Non se está facendo nada para que non desapareza o rural. Ata agora, todos estes anos, ninguén se acordou del. Agora volverán a falar del polas campañas electorais, pero un millón invertido en Santiago da moitos máis votos que nos Ancares, aínda que daría máis rendibilidade social e medioambiental. Por iso se seguen a desmantelar servizos e a tomar decisións pensando nos votos.

Lexíslase sobre o rural sen consultar aos que viven alí e sen coñecer as súas necesidades vitais

Presentación do libro onte en Navia

Na presentación do libro sobre os Ancares onte en Navia de Suarna houbo moito público da zona, ademais dos representantes políticos. Na foto, de esquerda a dereita, Benigno Gómez Tadín, alcalde de Cervantes; Vanessa Fernández, a autora do libro; Darío Campos, presidente da Deputación; e José Fernández, alcalde de Navia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Vanessa Fernández: «No rural hai vida. A xente non quere marchar da súa casa; bótana»