«A olimpíada é unha espiña cravada»

Lorena García Calvo
LORENA GARCÍA CALVO LUGO / LA VOZ

LUGO

OSCAR CELA

Coa ilusión recuperada e menos presión, José Cuba soña con chegar aos Xogos de Tokio

11 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

José Cuba era maior de idade a primeira vez que pisou un tapiz de loita. Foi de rebote. Acudía a un ximnasio a facer pesas cando uns rapaces lle comentaron que ían impartir a actividade e o animaron para que probara. Ao cabo duns meses adestraba todos os días e saía a competir. Así foi como comezou a carreira dun deportista que hai pouco máis dunha semana engadiu ao seu extenso currículo a súa décimo quinta medalla de campión de España sénior. Un título máis para un loitador que soña con coller o último tren olímpico. Quedouse ás portas de Londres 2012, pero coas ilusións renovadas, pelexará por Tokio 2020.

-Despois de tantos anos no mundo do deporte, é posible manter intacta a ilusión?

-Si, no meu caso, recupereina. No 2012, cando me quedei cerca das Olimpíadas, perdín bastante as ganas, pero tiven moito apoio da familia, dos amigos, do club, do meu adestrador, Iván Castro, que é como un irmán para min, e logrei recuperalas porque a metade da miña vida está unida a ese deporte. E como o obxectivo principal aínda non o conseguín, é fácil retomar esas ganas.

-Quedarse ás portas dos Xogos foi duro.

-Si, cando me saíu mal o reto da olimpíada ao non clasificar, estaba un pouco desganado. O deporte cando gañas é moi grato e cando non gañas é ingrato. Ao mellor notas que a xente que te estaba apoiando desaparece.

-Iso supuxo un antes e un despois para vostede?

-Vinme con trinta e pico anos, e con traballos sen cotización, nas entrevistas para atopar emprego o deporte parecía un hándicap en vez de un beneficio, e a verdade é que estaba un pouco desmotivado. Foi cando un compañeiro me animou a sacar a oposición para a Policía Nacional. Era un traballo que me gustaba pero non me animara porque as probas físicas non tiñan moito que ver co que eu facía. Daquelas xa tiña 32 anos, tiven sorte, conseguín entrar e foi a mellor decisión da miña vida a nivel profesional.

-E por que decidiu volver enfocarse na competición?

-Unha vez dentro a verdade é que xa non tiña obxectivos de nada, pero como estaba acostumado a adestrar, pois seguía facéndoo por hobby. Da competición xa non quería saber nada, pero a preparación para as probas físicas da oposición e a desconexión sentáronme ben, vinme con forzas e decidín seguir competindo. Ademais, no meu traballo danme todas as facilidades, e iso anima moito. Volvo estar enganchado.

-Enfoca a competición do mesmo xeito que antes?

-Non, agora fágoo sen obxectivos a longo prazo, pero como agora teño facilidades que entón non tiña, estou como se tivera vinte anos. Agora non teño que preocuparme a final de mes a nivel económico e sei que teño apoio laboral. A nivel mental só te preocupas do deportivo, cando antes tiñas que focalizarte en máis cousas.

-Agora todo o que fai é orientado a Tokio?

-Si, é o reto que me marquei dende o principio. Agora cólleme con outra mentalidade, outra madurez. Se non o acado non me vai frustrar como me frustrou en 2012, pero a ilusión por conseguilo e saber que non é algo irreal, téñoa. Iso axúdame a traballar cada día e a adestrar. A Olimpíada é unha espiña cravada pero non me vai quitar o sono se non o teño, agora vou ano a ano.

«Comecei tan tarde que só teño un campionato de España júnior»

Con 37 anos, José Cuba soña con pechar cuns Xogos Olímpicos un camiño que comezou a percorrer con 18 anos e que está trufado de éxitos.

-Vostede foi un deportista tardío.

-Si, comecei tan tarde que só teño un campionato de España júnior (risas).

-En que momento se decatou de que a loita podía ser máis que unha afición?

-Cando gañei a primeira competición pensei que se poñía todo o esforzo podía facer cousas ben. Realmente cando comecei fíxeno sen ningún obxectivo, pero a medida que ía adestrando e metendo días, enganchábame máis.

-Conseguiu medallas a esgalla, aspira a ir a uns Xogos, pero dalgún xeito, aínda que o retomou con forza, vostede xa probou o que se sente cando hai que despedirse do deporte de elite. Dá vertixe pensar nese momento?

-É que creo que non te das conta ata ese instante, porque ata entón estás pensando só nos teus obxectivos, non podes focalizarte no precipicio, ti miras para meta. Despois é duro atoparte sen experiencia laboral e con trinta anos.

-Cal é a próxima cita do calendario?

-Para o mes é o Europeo en Romanía. Non teño moitas opcións de medalla porque aínda non estamos traballando para iso. Esta tempada o punto forte sería en setembro o Mundial.

-Aí xa se reparten billetes para os Xogos.

-A clasificatoria primeiro é o Mundial, que reparte seis prazas, e ao ano seguinte hai tres torneos, un a nivel de continentes, e logo dous torneos a nivel mundial, con dúas prazas en cada torneo. En total, 12 prazas en xogo.

-Tentar superar a primeira criba, a do Mundial, é posible?

-As primeiras prazas están moi caras, pero é certo que dependes do día, do sorteo... O normal sería acadalo o vindeiro ano.