Rosario Regueira: «A novela reflicte o desamparo das mulleres do rural galego»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

A escritora de Taboada presenta o xoves 7 en Lugo o seu libro «Compañeira, non serva»

07 mar 2019 . Actualizado a las 08:28 h.

María Rosario Regueira Cereijo (Taboada, 1959) presenta o xoves 7 en Lugo o seu cuarto libro (a terceira novela), Compañeira, non serva, editado por Toxosoutos. No acto, que terá lugar ás 20.00 horas no auditorio do Vello Cárcere, intervirán, ademais da autora, a profesora e escritora María do Carme García Negro, e a presidenta de Si, hai saída, Marta Rodríguez Engroba.

-O título da novela xa é toda unha declaración de intencións...

-Pois si, e vén dunha frase que me quedou gravada de cando eu era rapaza. Nas vodas o cura dicíalle ao noivo: «Compañera te doy, y no sierva»; pero á noiva non lle dicía nada, co cal xa quedaba claro onde recaía o peso.

-¿Que conta a novela?

-Está claro que as mulleres, en xeral, estamos nunha situación precaria. Pero se as mulleres de zonas urbanas teñen dificultades, as do rural están aínda peor porque teñen menos recursos (nin oficinas da muller, nin institucións ás que recorrer...); no rural é máis difícil desprazarse sen levantar sospeitas, por exemplo. A novela reflicte ese desamparo das mulleres do rural galego. E faino coa historia de varias xeracións de mulleres, desde 1920 ata a actualidade. A través das súas historias vemos os cambios lexislativos que houbo, o papel da igrexa católica -pedíndolles ás mulleres que aguantasen-, os cambios na sociedade e as disintas maneiras de abusar dunha muller, física ou psicoloxicamente. Hai moitas formas de agredir ás mulleres no medio rural. E queda tamén de manifesto que as mulleres non somos quen de case nada sen rede que nos apoie, sen esa «sororidade», esa nova palabra que tanto me gusta. E, por suposto, que a maneira de educar é o camiño a seguir: o xeito de educar ás fillas, pero, sobre todo, o xeito de educar aos fillos.

-¿Aínda hai moitas servas?

-O sistema patriarcal baséase niso, e a maior parte da poboación con poder son homes.

-¿A quen vai dirixida a novela?

-É unha novela sobre mulleres, escrita por unha muller, pero reflicte a realidade, polo que vai dirixida a calquera, home ou muller.

-Esta é a súa terceira novela e, novamente, comprometida.

-Todas son comprometidas, cun compromiso real porque para min as artes e a literatura teñen unha función social. Creo que hai que coñecer a historia para non repetir as cousas malas e, por iso, tanto Sabela, como Cando pasou o que pasou, como agora Compañeira, non serva, teñen unha gran carga social.

-¿Como foi a acollida das anteriores novelas?

-Tiveron unha grande aceptación social. Creo que á xente gústalle ver publicadas cousas e historias que coñece ou lle tocan dentro.