«Supoño que cando cheguei á presidencia poucos apostaban por min»

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso A PONTENOVA / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

«Perdín calidade de vida, pero estou nesto porque quero e non me queixo», di Darío Campus, presidente da Deputación 

04 mar 2019 . Actualizado a las 19:38 h.

Comezo dicíndolle unha obviedade xornalística: canto máis dea de si, canto máis deixe de lado o corsé do previsible e do politicamente correcto, mellor vai saír a entrevista. Hai que telo presente, porque camiño de catro anos na primeira liña da política provincial obrigatoriamente deixan pegada. É o caso de Darío Campos, un veterinario de formación e vocación que fai doce anos ingresou en política como alcalde de A Pontenova e en outubro do 2015 chegou a presidencia da Deputación. As dúas veces foi unha sorpresa, cando gañou á alcaldía para o PSOE relegando a un clásico como Enrique Fernández, e tamén no ente provincial.

-Cando foi elixido non faltou que dixera que lle tocou porque pasaba por alí... Cantos pensa que apostaban por vostede?

-Supoño que poucos. Éramos cinco ou seis os que podiamos ser presidente e optouse por min. Eu tampouco me vía con moitas posibilidades nin por suposto tiña intención de ser presidente. Pensaba que era algo accidental. Tiña moitas dúbidas, non me sentía preparado, pero tampouco me sentía no primeiro momento en que fun elixido alcalde, e pouco a pouco fun aprendendo e mellorando, porque a vontade de facer as cousas o mellor posible nunca me faltou.

-De aqueles que din, dentro e fóra do seu partido, que chegou de rebote, sinte que calou moitas bocas?

-Non penso que tivera que calar bocas. Tocoume ser presidente e fago o traballo con honradez. Supoño que as bocas cálanse solas.

-Se lle pregunto se lle compensan todos estes anos, seguro que me di que si.

-Non me podo queixar. Pero se alguén andivera comigo un día ou unha semana, ao mellor se sorprendía. A nivel económico eu xa tiña o meu soldo como veterinario e despois como alcalde. E a nivel persoal perdes moita calidade de vida e de confort, pola gran cantidade de traballo e obrigas que tes. Dende ese punto de vista, nin económica ni persoalmente compensa ser presidente da Deputación. Pero metinme neste proxecto e estou nel convencido. Falar en termos de se compensa ou non é complicado, porque se eu me queixo, que fará unha persoa que non ten traballo?

Estou onde estou porque quero e por iso non podo queixarme de nada. Nunca pensei nin ser alcalde nin presidente da Deputación, pero cheguei a isto e aínda que ten un alto custo persoal pola vida que levas por suposto que non me arrepinto.

-Nin cos navallazos que hai, incluso dentro do seu partido?

-(Rise). Incluso cos navallazos. Un vai facendo callo.

-Daquela, gustaríalle seguir.

-Si, tanto no concello, porque quero rematar uns proxectos moi importantes como son a residencia e a potenciación da Pontenova como destino turístico coas minas, e na Deputación, porque penso que unha vez superada a marexada, imaxino que no seguinte mandato todo será máis sinxelo e a experiencia axudará.

-Nos momentos máis complexos, houbo alguén das súas amizades máis próximas ou da familia que lle pedira que o deixara?

-Nunca. Eu si mo plantexei naqueles meses en que non se daban aprobados os orzamentos. De non telo feito, houbérame ido. Pero ninguén me falou de deixalo, ao contrario, todo foron ánimos para seguir, tamén no PSOE.

-Parece que pouco queda xa do veterinario Darío Campos?

-Lembro o trato cos gandeiros, ás veces nas feiras, nas explotacións, lémbrome... pero non teño moito tempo de pensalo.

-Que nota de nivel de satisfacción persoal lle poñería á súa estadía na Deputación?

-Un oito.

-Notable alto. Contento, pois?

-Hai momentos de todo tipo, pero o balance xeral é positivo. Como me vou queixar eu?

«Non penso que estou calando bocas. Tocoume ser presidente e o fago o mellor que podo»

«Incluso cos navallazos non

me arrepinto. Co tempo un vai facendo callo»

«Quero pensar que non cambiei moito, pero é certo, agora irrítome con máis facilidade»

-Como cambiou Darío Campos? Aínda que esta pregunta quizais debería dirixirse á súa xente máis próxima, á súa muller e ás súas dúas fillas e fillo.

-Certo, eles seguro que poderían opinar mellor ca min. Quero pensar que non cambiei moito, pero ás veces doume conta que estou máis irritable, que salto con máis facilidade porque soportas unha gran presión, moito traballo, teño pouco tempo libre... Todo iso pasa factura a calquera e, por suposto, a min tamén. Hai momentos en que o pasas mal, ou regular, como ao principio do mandato. Agora todo vai moito mellor, pero tanta tensión inflúe na forma de ser. E o recoñezo, hai veces que estou moito máis irritable.

-Chegou nun momento tumultuoso do PSOE, Pensa que a súa mellor virtude é amornar gaitas? Dende logo si que amosou certa aptitude.

-(Rise). Pola forma de ser que teño quizais é difícil levarse mal comigo. Hai xente coa que é moi difícil rifar, e quizais teño algo diso. Podo discrepar, pero chegar a romper é difícil. Son mais de formar grupo, e iso, penso, é unha virtude. Non me sinto líder, pero axuda ser unha persoa que lle guste xuntar, non rifar, e chegar a acordos.

-E qué queda de aquel home discreto, agora que vémolo todos os días en actos pola provincia. É o prezo de ser presidente?

-Certo. Non paro. Antes era un alcalde dun pobo pequeno e as miñas funcións triplicáronse. O tema da tranquilidade, acabouse.

Exemplo delo é que cando facemos a entrevista, Darío Campos ven dun acto en Viveiro e vai camiño de Abadín, para asistir á festa do grelo. E hoxe, domingo, estará na festa da androlla, en Navia de Suarna.