Lugo xa respira desde o venres 1 ambiente de Entroido

Música, disfraces, sorteos, obradoiros e desfiles animarán a celebración en Lugo, Vilalba, Cospeito e Momán

Basadre presentou o programa de Entroido para Lugo
Basadre presentou o programa de Entroido para Lugo

Chegou o Entroido a Lugo. O venres 1 comeza oficialmente o programa de actos de carnaval, tanto na capital coma noutros concellos da provincia.

LUGO

A cidade dará a benvida ao Entroido co pregón, ás 20.00 horas desde a Casa do Concello, a cargo do xornalista e escritor Xosé de Cora Paradela. Ao rematar, ás 20.30 horas, haberá actuación das charangas Clave de Sol e Va K Pinta, polo recinto histórico (Campo Castelo, San Pedro, Praza Mártires de Carral, Rúa do Progreso, San Marcos, Rúa Nova, Praza do Campo, Rinconada do Miño...). Ademais, ás 20.45 horas haberá Entroido Escénico no fondo da Praza Maior con Palimoquiños & Cía e Down Lugo, que porán en escena Thriller.

Tamén comeza o venres 1 a programación do Entroido no Mercado, con obradoiros de disfraces e máscaras de 17.00 a 19.00 horas, para nenas e nenos de 3 a 10 anos. A actividade, que continúa ata o día 6, é de balde, pero é necesario inscribirse no 010.

Pola súa banda, o venres 1 tamén dá comezo o concurso de animación de rúa no Entroido que organiza a asociación Lugo Monumental, coa colaboración de 27 locais do centro histórico.

Por outro lado, a discoteca Sugar celebra unha festa de Entroido para recadar diñeiro para a viaxe de ecuador dos estudantes de Veterinaria, Formación do Profesorado, Enfermaría, Química e Nutrición. As entradas custan 6 euros.

VILALBA

En canto a Vilalba, o centro cultural e recreativo acolle o venres 1 a partir das 20.30 horas o sorteo da tradicional cesta de Entroido. Ademais, serviranse tapas de filloas con cacheira e lacón.

COSPEITO

Cospeito, pola súa banda, celebra o venres 1 o día grande de Entroido cunha festa no pavillón de deportes. Haberá entroido infantil a partir das 17.00 horas, con diferentes premios, e entroido de adultos a partir das 23.00 horas, tamén con premios. Ademais, contarán con desfiles, chocolate con churros, sorteo dunha cesta típica de Entroido, animación musical, karaoke e, a partir das 22.00 horas, actuación do Dúo Estrellas.

XERMADE

En canto a Xermade, a Asociación Mulleres Rurais Saudade de Momán organizan a IV Festa de Carnaval, a partir das 20.30 horas nas naves do Campo da Feira. A temática será o mundo animal. Haberá sorteo dunha escapada rural e outros agasallos. Tamén organizan un concurso de disfraces, xogos populares, photocall, barra, pinchos para todos e actuación do Dúo Venus.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Lugo xa respira desde o venres 1 ambiente de Entroido