Lara Méndez estuda pedir amparo ao Constitucional pola ordenanza de uso do galego

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

26 feb 2019 . Actualizado a las 08:51 h.

O goberno local de Lugo estuda a posibilidade de solicitar amparo ante o Tribunal Constitucional despois de que o Tribunal Supremo desestimase o recurso do Concello contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulou varios artigos da súa ordenanza de uso do galego.

Lara Méndez explicou que esa ordenanza foi aprobada pola corporación municipal no ano 2012 porque os edís lucenses que a apoiaron entendían que os dous idiomas oficiais en Galicia «non estaban en igualdade de condicións» e facíase necesaria unha protección e un impulso ao galego debido ao seu retroceso na sociedade.

Recordou Méndez que o uso do galego en menores de trinta anos baixou un «44 % nos dez últimos anos», mentres que «só o 13 % dos menores entre cinco e catorce anos utilizan o galego como lingua habitual», datos moi por debaixo dos manexados ao principio dos anos 90. «Por iso fixemos esta ordenanza. Por iso non estamos de acordo con esta sentenza e por iso estamos estudando pedir amparo».