Enfado pola segunda negativa ao novo xulgado social e a alcaldesa pediu unha entrevista urxente coa ministra de Xustiza

Marta de Dios Crespo
MARTA DE DIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Carlos Castro

Os diferentes grupos da corporación municipal amósanse anoxados pola decisión de Xustiza

27 feb 2019 . Actualizado a las 10:02 h.

Enfado xeral na corporación municipal de Lugo tras coñecer que o Goberno en Madrid retráctase para que Santiago teña novo xulgado do social, pero Lugo non. A alcaldesa Lara Méndez, sinalada por ser do mesmo partido político, demandaba hoxe mesmo unha reunión urxente coa Ministra de Xustiza para que «revoque a denegación». Pouco antes, no pleno da Deputación, unha moción de urxencia presentada polo BNG e aprobada por unanimidade esixía ao ministerio a dotación para Lugo do novo xulgado.

A alcaldesa, Lara Méndez, informou de que esta mesma tarde remitirá á Ministra de Xustiza, Dolores Delgado, unha carta para demandarlle unha reunión urxente e inmediata co fin de explicarlle de primeira man as circunstancias que determinan que resulta prioritario e imprescindible a creación dun cuarto xulgado do social en Lugo co obxectivo de que o departamento ministerial revoque a denegación da unidade xudicial.

«No 2016 xa había unha lista de espera de máis de dous anos. É moi mala noticia», Rubén Arroxo (BNG)
«Igual Xan que Pericán, hai dous días gobernaba o PP e tampouco fixo nada» Olga Louzao (Ciudadanos)

«É unha reivindicación histórica que temos dende decembro do 2016, entón xa había unha lista de espera de máis de dous anos», argumenta o candidato do BNG Rubén Arroxo. «Non entendemos esta discriminación reiterada. Non é comprensible que non se atendan as demandas dos veciños de Lugo, pero si as de Santiago», dicía Cristina Herráiz dende Lugonovo. O popular Ramón Carballo apuntaba que «é un desprezo e un ninguneo en toda regra que o PSOE acantoe a Lugo», aínda quen houbo o que recordaba que na etapa do PP no Goberno central tampouco fíxose nada por resolver o problema. «Igual da Xan que Perican, o mesmo da para Lugo que estea PP ou PSOE en Madrid», lamentaba Olga Louzao dende Ciudadanos.

«Non é entendible que non se atendan as demandas dos veciños de Lugo» Cristina P. Herráiz (Lugonovo)
«É unha ofensa para todo Lugo, trátannos coma unha cidade de terceira», Carlos Portomeñe (ACE)

«Recórdanos ao Estatuto da aldraxe da UCD, é un agravio comparativo para Lugo, que ten unha necesidade real», argüía Carlos Portomeñe. O responsable de ACE no Concello reprochaba que «unha vez máis as Administracións tratan a Lugo como unha cidade de terceira» e reprobaba que Lara Méndez «tería que ter un peso moitísimo maior» tendo en conta que a administración que impide que Lugo teña este servizo é do seu mesmo partido e que existe «absoluto consenso nesta demanda».

«É un desprezo e un ninguneo en toda regra que o PSOE acantoe a Lugo», Ramón Carballo (Partido Popular)
«Seguiremos reivindicándoo para Lugo, o PSOE está onde estivo sempre», Álvaro Santos (PSOE)

O xoves aprobarase por unanimidade no pleno do Concello lucense unha declaración institucional para reclamar este xulgado.