Suecia quere un 30 % de leite ecolóxico; Galicia ten 109 explotacións

Lorena García Calvo
LORENA G.C. LUGO / LA VOZ

LUGO

lgc

A investigadora Isabel Blanco, que traballa no país nórdico, ve clave un cambio no consumidor

25 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Isabel Blanco naceu en Vigo, criouse en Lalín, licenciouse e doutorouse en Veterinaria en Lugo e agora vive en Suecia. Tras anos formándose e investigando en distintos puntos do mundo, hai tres encamiñou os seus pasos cara Upsala, unha cidade na que afonda na investigación da gandería ecolóxica, algo que os suecos se toman moi en serio, e que en Galicia, aínda que se están a facer as cousas con criterio, móvese paseniño.

«O goberno de Suecia marcouse unha axenda para que no 2030 o 30 % da gandería de leite sexa ecolóxica, e é unha cifra posible posto que agora está chegando xa ao 20 %», desvela a investigadora, que participou en Lugo nunha xornada sobre a mellora da produción de leite ecolóxica. Pero o prantexamento sueco vai máis aló. «O reto que se marcan é que o 60 % do consumo sexa ecolóxico, teñen unha aposta moi forte», engade.

En Galicia o avance da produción ecolóxica vai máis lenta, se ben o seu crecemento foi exponencial nos últimos anos. Sinalan dende o Craega, o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica en Galicia, que no 2018 a comunidade contaba con 109 explotacións de vacún de leite -no 2014 eran 32- das que 62 se atopan na provincia de Lugo. E a cifra vai en aumento. O volume de negocio de produtos lácteos e derivados en ecolóxico a 31 de decembro do 2017 subía dos 18,5 millóns de euros, e as perspectivas, indica Manuel Cancio, director técnico do Craega, «é a que haxa incrementos fortes de facturación».

Cambio no consumidor

En Galicia pensar en que o 30 % da produción leiteira leve o selo ecolóxico polo de agora está moi lonxe, e para Isabel Blanco a clave da cuestión non está en quen o produce, senón en quen o merca. «A gran diferenza é o consumidor e a súa educación. Hai moitas ganas por parte do gandeiro ecolóxico de chegar ao consumidor, pero temos un consumidor que cada vez ten máis distancia co campo», laméntase a investigadora. A súa experiencia indícalle que nos países do norte coidan máis o rural e teñen máis conciencia, e pon un exemplo. «Lembro unha vez nun supermercado unha rapaza dicirlle a outra que non mercara unha marca de leite, porque lle pagaban moi mal aos gandeiros».

E aínda que ese achegamento entre produtor e consumidor en Galicia aínda está moi lonxe, Blanco destaca que o traballo que se desenvolve en Galicia neste eido, en liñas xerais «estase facendo bastante ben». Palabra de investigadora.