A Feira de Nadela, o escaparate gastronómico de entroido, busca relevo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

OSCAR CELA

A festa terá lugar o próximo domingo con postos de venda e actuacións musicais

18 feb 2019 . Actualizado a las 21:03 h.

A Feira do Entroido de Nadela é unha cita máis que consolidada no calendario festivo e gastronómico da comarca. O próximo domingo, día 24, volverá celebrarse -como cada domingo anterior ao Domingo de Entroido-, con postos de venda, actuacións musicais e intervencións das autoridades. Porén, os organizadores, da Asociación Carballeira de Nadela, buscan relevo. Despois de dúas décadas organizando a feira, na que cada ano se xuntan centos de persoas, buscan deixar o testemuño, algo que, de momento, non conseguiron. De non logralo, a feira corre o risco de desaparecer.

Segundo explican desde a organización -Carlos Puentes, Ángel López, Javier Mosteiro e Ignacio Besteiro-, a importancia desta feira non é só lúdica, senón que supón un bo escaparate para os produtores da zona, ademais dunha fonte de ingresos a maiores. Cada ano hai arredor dun cento de postos; a maioría, de produtores da contorna, que venden e dan a coñecer os seus produtos artesáns e gastronómicos: carne de porco (rabo, cacheira, orella, soá, bandullo, lacón, chourizos...), filloas, orellas, grelos, pan, viño, mel, licores... Ademais, haberá un posto de polbo para poder comer na feira. E todo, baixo carpa.

A maiores, o Concello de Lugo habilitou un servizo gratuíto de autobuses desde as 9.00 ata as 15.00 horas, diante do Instituto Virxe dos Ollos Grandes (Feminino), na Avenida de Ramón Ferreiro.

A festa comezará ás 9.00 horas, coa apertura dos postos de venda e exposición. Ás 12.00 horas comezará a música da man de Amigos do Acordeón, de Lugo, e terá lugar a entrega dun obsequio aos vendedores participantes. Ás 12.30 comezará a recepción das autoridades e a actuación do Orfeón Xoán Montes. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, intervirá ás 13.00 horas cunhas verbas de benvida, xusto antes do pregón, que este ano correrá a cargo do comisario principal da Policía Nacional, Germán Rodríguez Castiñeira. Ao rematar, haberá actuacións de charangas e grupos folclóricos, ademais dunha sesión vermú amenizada por Adolfo Valiño.