350 anos da ofrenda do Antigo Reino

xulio xiz

LUGO

CARLOS CASTRO

A xuntanza das sete capitais en Lugo no domingo seguinte á festa de Corpus mantense como firme tradición

16 feb 2019 . Actualizado a las 09:24 h.

A historia comeza en 1669, hai agora 350 anos. Pero a tradición ven de moitísimo máis atrás, quizais mil anos antes. Algunhas fontes falan de mediados do século VI… outras do X… pero para o que aquí queremos comentar, no que a tradición pode mais ca a historia, vén ser o mesmo, que o que en Lugo se celebra cada Infraoctava do Corpus en Lugo ten moito máis que ver con conviccións que con cifras; máis con sentimentos ca con documentos, sendo estos pedra angular cando se trata de xustiticar

tradicións e historia.

Ata 1989, o domingo seguinte ao xoves de Corpus (Infraoctava do

Corpus; antes de oito días despois do Corpus), na catedral de Lugo víñanse xuntando os representantes das sete capitais do antigo Reino de Galicia a facer Ofrenda Solemne a Xesús Sacramentado, permanentemente exposto na Basílica lucense por especial privilexio deste templo. Desde 1989, no que a festividade do Corpus pasou legalmente a se celebrar o domingo seguinte, a festa da Infraoctava retrasou unha semana a súa celebración.

O Santísimo en Lugo

Hai moi poucos lugares no mundo nos que o Santísimo estea exposto continuamente, tendo Lugo ese especial privilexio desde tempo inmemorial, créndose firmemente que se debe á especial devoción ao Santísimo desta cidade, como acreditaba xa en 1550 o Licenciado Molina na sua Descripción del Reyno de Galicia y de las cosas notables del: «la causa y secreto queriendo alcanzallo / de estar así puesto tan gran Sacramento,/ algunas se dicen, mas lo que yo siento / es lo mejor continuo adorallo».

O certo é que esa especial devoción foi a que moveu á Catedral de Lugo a solicitar en 1669 do Reino de Galicia axuda para manter dignamente os cultos e atención que na cidade se viñan rendindo a Xesús Sacramentado. Foi en xaneiro dese ano cando o coengo da Catedral lucense

Juan Velo elevou un Memorial ás sete cidades do Reino de Galicia, que no mes de febreiro votaron un donativo anual de 1.500 ducados para a mellora do alumeado e culto do Santísimo, por ser «tan útil y de la obligaçión del

Reyno el haçelle».

Desde entón, Galicia xuntouse en Lugo nunha anual Ofrenda, ao

comezo económica e co paso do tempo simbolica, que se leva mantendo 350 anos, e fai trascender no tempo un Reino que non existe máis ca nesta ofrenda e na historia. E no actual escudo de Galicia.

O Antigo Reino de Galicia

Galicia foi un Reino que tivo en Lugo a súa capital espiritual, como cada Infraoctava do Corpus se recorda. Un Reino que nace nas neboas da Idade Media con fondas raíces na Gallaecia romana, que asoma no século VI co Rei Teodomiro, que no X se une ao de León, e este no XIII ao de

Castela.

E haberá que agardar ao tempo do Rei Carlos I (1528) para que se

creen as Juntas del Reino de Galicia, e ao XVII para que Galicia recupere o seu voto en Cortes, que desde o século XV exercía Zamora no seu nome. E pasada a metade do século XVII (1669), o Reino de Galicia acorda apoio especial para o culto ao Santísimo na Catedral lucense, artellándose

logo unha Ofrenda anual na que participarían as sete capitais do agora Antigo Reino de Galicia: Lugo, A Coruña, Ourense, Santiago, Betanzos, Mondoñedo e Tui.

O Reino de Galicia e as súas Juntas desaparecen definitivamente en 1833, cando España se divide en provincias e rexións, establecéndose en Galicia catro provincias con cadansúa capital nas cidades de Lugo, A Coruña, Ourense e Pontevedra, deixando de ser capitais Santiago, Betanzos, Mondoñedo e Tui. E, sen embargo, cando o Reino de Galicia só é unha lonxana lembranza, cada Infraoctava do Corpus seguen a xuntarse en Lugo os representantes das sete cidades do Antigo Reino de Galicia, e o escudo da Galicia de hoxe, comunidade autónoma de España, ten como esencia un caliz ao que rodean as sete cruces que lembran as cidades capitais do Antigo Reino.

A esencia da Ofrenda

Afianzados xa no seculo XXI, 350 anos despois, só quedan do Reino

de Galicia unha Ofrenda anual e un escudo que proclama esa xuntanza. Unha ofrenda relixiosa na súa orixe, que hoxe temos que recoñecer que sobrepasa esa dimensión para convertirse nun sinal de identidade do país; unha evidencia da conciencia de país, por riba de calquera outra consideración.

Certo que o inicio é relixioso, pero certo tamén que é o Reino, a

través das súas cidades, que ?en base á fe- recoñecen a singularidade lucense, fan a Lugo capital simbólica do Reino e deciden acudir a esta cidade para manifestar anualmente a súa unidade, a sua vontade, co seu apoio, a sua presenza, a súa forza. Se o espírito que move esta acción multisecular fose exclusivamente relixioso, tería sufrido o natural agostamento ou consunción que as diversas correntes relixiosas, ideolóxicas, políticas foron facendo desaparecer usos, costumes, ceremonias, presenzas…

E sen embargo na cidade de Lugo, o espírito inicial pervive 350 anos despois. E o escudo dunha Galicia autónoma, libre, independente das crenzas de cada un dos seus habitantes, ten por centro un caliz sagrado ao que rodean sete cruces que simbolizan as sete antigas cidades, das que hoxe tres son capitais de provincia e as outras catro perderon o rango capitalino hai case douscentos anos.

Pode tan só o sentimento relixioso facer que durante 350 anos

Galicia se concentre en Lugo polas festas de Corpus para rezar diante da exposición continua do Santísimo? Pode. Aínda que parece que todos os ventos soplan en contra dunha ceremonia así, exclusivamente relixiosa. Pode que Galicia se movese cara a Lugo movida pola fe ata un determinado momento, evoluíndo logo cara a unha lembranza do que foi e deixou de ser? Pode.

Pero as lembranzas son forzas efémeras que van decaendo co paso do tempo e das xentes. Pode que Galicia se veña movendo cara a Lugo impulsada polo

sentimento de querenza galeguista, digamos que patriótica, como reivindicación permanente dunha individualidade manifesta?. Pode. E aínda que tamén estes sentimentos podían afloxar son quizais os máis doados de manterse porque o corazón ten razóns que a razón non ten por que entender nin calibrar.

Algo máis elevado

Pero pode ser algo máis elevado que englobe todos estes sentimentos, de maneira que este país, con sentimento de unidade que ata a natureza se encarga de certificar, non renuncie a nada do pasado e camiñe cara ao futuro en base ás esencias dese pasado, respectando a tradición,

acolléndose á historia, sabendo de onde vimos, coñecendo quen somos, e aínda descoñecendo moitas veces cara onde vamos, entendendo que hai elementos nosos que poden connosco; e que ?neste caso- unha Ofrenda pode representar e representa tanto como unha declaración de paz, unha testemuña de conciencia, un paso adiante; unha victoria.