«A música clásica é moi sacrificada»

A lucense Iria Fernández foi unha das dúas españolas seleccionadas para acceder ao conservatorio Anton Bruckner de Austria, onde este curso comezou o grao superior en viola


Lugo / La Voz

A lucense Iria Fernández Silva encontrou na música clásica a súa vocación. Ao talento innato súmalle o traballo diario e constante e, ademais de gozar coa súa paixón, os seus recoñecementos e logros non paran de medrar. Esta moza de 18 anos -que xa rematou os seus estudos no Conservatorio de Música Profesional Xoán Montes de Lugo- acaba de recibir un dos tres premios extraordinarios que outorgou a Xunta nas ensinanzas artísticas profesionais na modalidade de Música. Outro dos premios tamén recaeu noutro alumno do mesmo centro lucense, Anxo Fernández Arias. Os aspirantes tiñan que contar cunha nota media igual ou superior a 8,75 nos últimos cursos das ensinanzas profesionais, tiveron que realizar unha interpretación como solistas e presentar tres copias dunha gravación de vídeo na cal interpretasen tres pezas de diferentes estilos. Os galardoados reciben 850 euros e un diploma acreditativo.

No caso de Iria Fernández, botou 14 anos no conservatorio lucense, onde rematou o grao medio en viola. En Lugo acabou tamén o BAC, colaborou con diferentes agrupacións musicais e mesmo foi seleccionada para formar parte do Festival Internacional Peregrinos Musicales tocando a viola. Este curso empezou os estudos de grao superior en viola no Conservatorio Anton Bruckner, en Austria, onde foi seleccionada despois de superar unhas duras probas de acceso.

-¿Que supón o premio da Xunta?

-Este premio supón un recoñecemento a todo o traballo que levo facendo en todos estes anos. Son moitos anos de Conservatorio, de clases despois do instituto, de estudo e ensaios na casa, de compaxinar os exames do Conservatorio cos do instituto... E co premio vexo valorado todo ese traballo.

-¿É moi sacrificado?

-A música clásica, a música en xeral, é moi sacrificada, supón un traballo de moitas horas, constante. Non se trata de estudar para uns exames, senón que hai que traballar diariamente, non podes pretender parar uns días e despois retomalo coma se nada. Eu paso unha media de cinco horas ao día tocando.

-¿Foi difícil acceder ao conservatorio de Austria?

-Si porque había exames teóricos, de obra, un xurado moi esixente... e presentouse moita xente de todo o mundo. Hai que traballar moito e poñerse metas. Ao final, fun unha das dúas españolas seleccionadas. Empecei este ano o grao superior en viola, que me levará catro anos, e logo gustaríame facer un máster, pero aínda non sei onde.

-¿Sempre tivo claro que se quería dedicar á música?

-Empecei a tocar cando tiña 8 anos, pero foi hai cinco cando tiven claro que quería facer da música a miña profesión. Foi despois dun concerto que me marcou moito, no que sentín algo moi especial e decidín que me quería dedicar á música e a transmitir sentimentos a través da música.

-¿Está valorada a profesión de músico?

-É posible vivir da música, pero é un mundo moi competitivo, ou destacas por ser moi bo ou é difícil atopar un oco. Pero hai moitas opcións: tocar en orquestras, como solista, dar clases... A min gustaríame tocar nunha orquestra ou ter un grupo de cámara.

-¿Implícase a xente nova na música clásica?

-Cada vez hai máis xente nova que nos centramos na música. E desde aquí, desde Austria -o berce da música clásica xunto con Alemaña-, aínda se ve máis claro, hai moita xente nova implicada.

-Ademais do Conservatorio e os ensaios, ¿en que proxectos está traballando agora?

-A maiores dos proxectos que me van saíndo por Austria, formo parte da Orquestra Xoven da Sinfónica de Galicia desde os 15 anos, tamén colaboro coa Orquestra Sinfónica de Galicia, coa Orquestra Gaos e toquei na LUCA (Orquestra Clásica Lugo Camerata) ata que marchei.

«Cada vez hai máis xente nova que nos centramos na música clásica»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«A música clásica é moi sacrificada»