As mulleres cineastas serán protagonistas na Escolma

LUGO

Anxos Fazáns
Anxos Fazáns

A cita co cinema galego inclúe proxeccións de Anxos Fazáns, Diana Toucedo e Ana Domínguez

31 ene 2019 . Actualizado a las 08:28 h.

As mulleres cineastas serán as protagonistas da Escolma de Cinema Galego de Sarria, que o sábado 23 de febreiro chegará á súa cuarta edición, na Casa da Cultura. As directoras Ana Domínguez, Anxos Fazáns e Diana Toucedo conversarán co público despois das proxeccións das longametraxes Os Fillos da Vide, A estación violenta e Trinta lumes. Completan o programa as curtas Caerán lóstregos do ceo, Salitre nas veas e O porco e o seu espírito, do director burelense Adrián Canoura, e o concerto de Baiuca. O acceso será libre e gratuíto.

Ana Domínguez
Ana Domínguez

Segundo explican desde a organización da Escolma, as obras das cineastas son tres óperas primas «que retratan, cunha ollada moi persoal, a tradición vitivinícola de Valdeorras, a ancestral unión coa terra dos habitantes do Courel e máis a soidade e o fracaso dunha certa Galiza urbana».

Diana Toucedo
Diana Toucedo

Ribeira Sacra e O Courel

No filme Trinta Lumes reflíctense a superstición e a tradición: «Toucedo relata a historia de Alba, unha nena de 12 anos que percorre xunto ao seu mellor amigo pobos destruídos de O Courel, entrando no interior dunhas montañas que esconden outro mundo paralelo». Pola súa banda, Fazáns fala en A estación violenta «dunha xeración triste e frustrada antes de tempo, a daqueles que pensaron que podían ser artistas sen consecuencias». Finalmente, Os fillos da Vide «é a viaxe en clave persoal que fai Domínguez á tradición ancestral das vides, da vendima e do viño, e á súa relación cos ciclos da vida e coas raíces pagás da festa».

Completan a Escolma tres curtas de Canoura, nunha sorte de retrospectiva do director burelense. O Cine Clube La Unión Leslie Nielsen ofrecerá o mesmo sábado pola mañá unha oportunidade para achegarse á obra deste creador lugués «que xa conquistou festivais de referencia en Montreal, Bogotá ou Sao Paulo».

Concerto de Baiuca

Pechará a velada un concerto de Baiuca, acompañado polas videocreacións de Canoura. Trátase dunha «proposta neotradicionalista que mantén o cable aterrado nas raíces, pero que conecta coas tendencias máis avanzadas da música electrónica, a través dunha maridaxe sonora na que se utilizan tanto instrumentación tradicional (cunchas, frautas, gaitas, pandeiretas ou voces) como sintetizadores e máquinas que nos levan ao tecno, o global bass ou as cavilacións da música house desde unha perspectiva case antropolóxica».