«Os hábitos da xente do campo conservan un ecosistema útil»

Xosé María Palacios Muruais
Xosé María Palacios VILALBA / LA VOZ

LUGO

PALACIOS

O profesor Jaime Fagúndez, da Universidade da Coruña, cre que o labor dos que viven en zonas rurais debe ter unha axuda polos servizos que achegan á sociedade

27 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Fagúndez, profesor da área de Botánica na Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña (UDC), participou en Muras, o mércores, nunha xuntanza da Rede Galega de Innovación Forestal, na que explicou o proxecto Life in Common Land. Trátase dunha iniciativa coa que a Deputación, en colaboración coas universidades de Santiago e da Coruña, tenta potenciar un desenvolvemento sostible no Xistral, nun terreo de 5.000 hectáreas que pertence a cinco concellos -Muras, Abadín, O Valadouro, Ourol e Viveiro-. As comunidades de montes teñen un papel importante neste plan, que comezou no 2017 e que se aplicará en cinco anos.

-É o Xistral o gran descoñecido da montaña de Galicia?

-Pode ser. É un dos espazos máis descoñecidos. Non ten tanta sona coma o Courel, pero ten valores que o fan especial: as turbeiras son formacións que aparecen en poucos lugares, e a representación de España, practicamente, só se dá no Xistral; as queirogueiras, que son hábitats moi valorados na Unión Europea e que están recoñecidas como de interese prioritario... Temos o deber de manter todo iso en bo estado. Dentro diso hai tamén interacción entre o uso tradicional do monte, coa gandaría extensiva, e a presenza do gran depredador, como é o lobo. Hai aí un valor ecolóxico que ten un interese enorme. Penso, si, que é un lugar para recoñecer e para valorar, mesmo por nós, os galegos.

-Por que non é máis coñecido?

-É unha boa pregunta. Ás veces, non sabemos valorar o noso, porque somos unha comunidade moi vencellada co rural e temos interiorizado que o medio no que vivimos é hostil. Cando tes que traballar moito no monte, non paras para ver o valor do que tes diante. Deberiamos traballar máis a valoración do que temos, do propio. Se comparamos con comunidades como Asturias, temos moito que aprender: fan boa promoción dos valores que teñen; pero por que non aquí? Temos que empezar por nós mesmos, e facelo cun sentido non só patrimonial senón tamén de recurso. O Xistral ten moito potencial para o turismo de natureza, para os produtos de calidade, para un sistema agrario de alto valor natural...

-Cando se fala da riqueza natural do Xistral, pénsase nas turbeiras. Que outros elementos de valor hai?

-O valor principal, pola singularidade, polo repertorio que hai, son as turbeiras, e dentro das turbeiras, as de cobertor. Pero tamén, pola adaptación de especies, hai humidais que teñen o seu valor: as queirogueiras, por exemplo. Hai tamén representacións de fragas, como a Fraga Vella [que se sitúa entre Mondoñedo e Abadín], que teñen elementos importantes de sistemas asociados con bosques de ribeira. Pero eu creo que conviría salientar a rede ecolóxica, que inclúe dende o gran depredador ata as comunidades vexetais. Nesa cadea está un dos grandes valores do Xistral.

-Cal é a conservación?

-É aceptable. Nunhas zonas é boa. Noutras zonas está degradada ou modificada, por exemplo, por especies exóticas, como os piñeirais, que se plantaron hai xa tempo, ou os pasteiros artificiais, con especies forraxeiras que non son de aquí. O estado de conservación en xeral é bo.

-Que foron os parques eólicos: unha desfeita, unha oportunidade de xeración de recursos, un exemplo destes tempos...?

-Non sei se me toca falar diso, porque é unha cuestión controvertida. Independentemente do que teñan xerado, as áreas naturais precisan un especial coidado. Os últimos plans de parques eólicos deixan fóra a Rede Natura; xa que logo, no Xistral non se construirán máis parques. Os avances da tecnoloxía implican que a repotenciación produce unha redución dos aeroxeradores, porque se produce a mesma enerxía con menos xeradores. Creo que no futuro o aproveitamento eólico non vai ser uin problema no Xistral.

-Hai que pagarlle á xente para que viva en certos lugares?

-Hai diferentes propostas sobre como tentar evitar o despoboamento. Algunhas están orientadas á produtividade. Nós, dende o punto de vista da conservación, cremos que hai que recoñecer o labor da xente e que os traballos do campo deben recibir unha axuda polos servizos que nos prestan, porque os hábitos que eles manteñen conservan un ecosistema útil para a sociedade. Non propoñemos subvencionar por estar aí, nin é o que demanda a xente, que nos di ‘o que queremos é que nos deixen traballar’. A nosa idea vai por aí, por recoñecermos a segunda derivada do seu traballo: a conservación do servizo ecosistémico. Máis ca a axuda pasiva, esa é a nosa aposta.

«Debera ir cambiando a visión da xente. O lobo pode ser un recurso, porque hai demanda de turismo de natureza»

Os ataques do lobo ao gando non son raros na serra do Xistral. Cinco alcaldes da zona -os de Muras, Xermade, Ourol, O Valadouro e Abadín- amosaron publicamente, o pasado outono, a súa inqueitude pola situación, e mesmo se reuniron coa conselleira de Medio Ambiente.

-Que é o lobo: unha ameaza, unha riqueza ecolóxica, un sinal de biodiversidade...?

-É un tema complexo. A xestión da fauna salvaxe ten moitas arestas. O lobo ten un valor ecolóxico fundamental, e está a visión dos gandeiros afectados polos ataques. Debera ir cambiando a visión das xentes da serra [do Xistral] e do rural en xeral. O lobo pode ser un recurso. Hai un gran mercado de turismo de natureza; hai xente que valora os lugares nos que as redes se manteñen como hai moito tempo. Os ingleses, que son unha sociedade moi sensibilizada, non teñen grandes depredadores, e o lobo é unha peza nese conxunto. Se faltase o lobo, non sería o mesmo. Entendo que quen o sofre día a día é o gandeiro que perde animais. Tentamos trasladar á Xunta cuestións como o pago das indemnizacións. Cando animais como o cabalo están no monte, é difícil determinar que o ataque foi do lobo, e pensamos que habería moitas melloras que se poderían facer.

«O Xistral non ten a sona do Courel, pero ten valores que o fan especial»

El Concello de Vilalba prevé conceder alguna ayuda a una asociación de Bordelle (Santaballa) para el arreglo de la antigua escuela de ese barrio, cercano al área arqueológica de Pena Grande. En próximas semanas se firmará el convenio por el que Hacienda cede el terreno de esa zona, de gran valor arqueológico al Concello, yse pretende que en la zona se lleven a cabo varios trabajos, entre los que figurará el acondicionamiento de algún espacio para aparcamiento.