A última pousadeira do cego Florencio

Manuel Fernández A FONSAGRADA / LA VOZ

LUGO

Manuel

A Casa do Orial de Villabol de Abaixo, foi como un grande centro cultural e social para a veciñanza

27 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante moitos anos, as aldeas galegas tiveron casas que foron verdadeiros centros sociais nos que se reunía a veciñanza e mesmo daban acubillo a persoas que o precisaban, como por exemplo os cerralleiros e trapeiras que ían de pobo en pobo. Unha delas foi a Casa de Orial, en Vilabol de Abaixo, na Fonsagrada. Alí, Ermitas Álvarez Gómez, que naceu en Xestoso, en 1924 que está a piques de cumprir 95 anos, moi ben levados por certo, exerceu como a última pousadeira de Florencio López Fernández, O Cego dos Vilares, nado en 1914 e finado en 1986. Foi o último violinista galego que recorreu festas, feiras, mercados, camiños e casas interpretando as súas coplas.

A algunhas casas moitos ían coa finalidade de escoitar a radio, un artigo que era un luxo. As emisións de Radio Pirenaica e a sección de discos dedicados de Radio Andorra, que empezaba ás 9 da noite, eran o obxectivo principal das xuntanzas. Por veces, na vivenda de Ermitas, a primeira da bisbarra que tivo radio, esas noites tiñan un interese a maiores: a actuación de Florencio. O Cego da Fontaneira ofrecía deliciosas composicións que aínda teñen acabado ben veces en animados bailes.

Florencio posiblemente chegase a Villabol en cabalería. Un home cego e con moitas limitacións físicas a cabalo! Florencio, que perdeu a vista debido a que de neno padeceu as vexigas, tivo que aprender a ser valente. Os camiños e as distancias non tiñan porque ser un atranco para un trobador e para facer unha muiñeira aló onde fixese falta.

Manuel

As noites ao carón da lareira da Casa de Orial, onde se xustaban os veciños para a “polavila” -como así se lle chamaba na bisbarra a ese tipo de encontros veciñais- eran longas. Contar uns contos, botar unhas cantigas ou inventar un novo punto de baile... Sempre había bos motivos para non deixar de acudir á casa de Ermitas. Ás veces toda esa actividade estaba acompañada dunha cunca de viño e dun cantelo de pan de centeo e, nas ocasións, un chourizo descolgado do “cainzo”. Era o momento do lecer logo de longos días de traballo. «Non apuredes o parte (Así lle chamaban ós informativos na época franquista) porque hai que dar de cear ás vacas», escoitábase dicirlles ás veces a algúns asiduos ás xuntanzas.

Eses eran os escasos momentos de “xoldra” da sociedade rural nos anos cincuenta que, amedrentada e empobrecida traballaba de sol a sol co fin de saír adiante, para ter unha vida baseada na subsistencia. Traballar sen desmaio, arreo, era única posibilidade de sobrevivir. Logo na década dos sesenta e setenta, abriuse unha luz cando comezou a emigración a Europa e a grandes cidades españolas faltas de man de obra para o incipiente desenrolo industrial.

Mozas e mozos soñaban con marchar en busca de mellor vida. Namentres iso non ocorría, facían das lareiras, ou tamén debaixo dos hórreos, un lugar de encontro. De cotío había algún gaiteiro que animaba e, de cando en vez, aparecía Florencio, a expresión máxima dun artista, compositor, músico, conta contos. En definitiva, un xenio.

«Roupa tendida»

Empezaba a súa función ofrecendo cancións, para as parellas de namorados, con letras picantes (segundo a apreciación dos maiores) e tocando o violín. Os nenos gravabamos sen pestanexar no noso cerebro, cada expresión, cada movemento ou comentario. Non faltaba quen saltase, vixiante da moralidade da época advertindo: «Moito coidadiño que hai roupa tendida».

É curioso. Naqueles momentos a xuventude de Europa gozaba da chamada “beatlemanía”. Na Fonsagrada os novos gozaban coa “florencioamanía”.

Eses encontros na Casa de Oriol non serían posibles sen Ermidas, muller desprendida e solidaria que chegou a Villabol para repartir paz e amor, algo que segue facendo agora a piques de chegar aos 95. Converteu a súa vivenda en lugar de encontro. Ela, sentada no escano, ao redor do lume baixo, gozaba cada noite recibindo á veciñanza con faciana alegre e sorriso nos beizos. A porta sempre estaba aberta. «Pasa, pasa», dicía habitualmente como se se tratara dunha primeira visita.

Do seu casamento con Manuel naceron Carmen, Julia e Benilde que tiveron a fortuna de herdar a xenética da bondade e grandeza persoal dos seus pais.

Florencio, trobador xenial, non puido escoller mellor lugar para parada e fonda das súas viaxes a Vilalbol. Adoitaba chegar cando outono tocaba o seu fin e mesmo tamén no inverno porque, naqueles tempos, os invernos eran iso, invernos, e non se tiña medo ao mal tempo. A preocupación que había era a de que a colleita non se estragase, para poder chegar á primavera sen ter que baleirar as “tuñas” do grao e a despensa.