Música para levar axuda a Nicaragua

LUGO

OSCAR CELA

A oenegué Axunica celebra o sábado 26 un concerto solidario con Voladura, Monstruo Son, Patuk Band e Amigos do Caldeiro. Tamén haberá charlas con dous nicaraguenses

24 ene 2019 . Actualizado a las 20:41 h.

A oenegué lucense Axunica celebra, un ano máis -e xa van once- o Concerto Solidario de Axuda a Nicaragua, co que «cantar e bailar por un mundo máis xusto». A cita terá lugar este sábado a partir das 23.00 horas no Club Clavicémbalo de Lugo. A entrada custa 5 euros e a recadación íntegra destinarase a prestar axuda a Nicaragua, fundamentalmente a través de proxectos educativos, como bolsas de estudo e comedores infantís.

Nesta ocasión, os grupos musicais que participan son Voladura, Monstruo Son, Patuk Band e Amigos do Caldeiro, nun festival presentado por Iria Otero e Maikel Pereiro. Ademais dos concertos, no evento contarán coa participación de dúas persoas nicaragüenses que falarán da situación do país: unha xornalista e activista que está na Coruña, e un nicaragüense exiliado que desde hai oito meses vive na Coruña.

Máis de 20 anos de traballo

A implicación de Axunica con Nicaragua comezou hai máis de vinte anos, da man da lucense Ana María Vila Montero, e a principal liña na que traballan é a educación, ademais de atender as necesidades básicas.

O festival solidario que celebran cada ano é unha das iniciativas coas que recadan fondos e dan a coñecer o seu traballo e as necesidades do país centroamericano: «Cada ano recadamos no festival uns mil euros, porque ademais da xente que acude aos concertos, tamén hai posibilidade de mercar ‘fila 0’. Tamén se poden adquirir artigos de artesanía e outros produtos que se porán á venda na propia entrada, así que a forma de colaborar é moi variada», explican desde a oenegué. Desde o seu punto de vista, os lucenses son moi solidarios: «No festival sempre hai bastante afluencia de xente, as persoas axudan moito e mesmo o Clavicémbalo xa nos reserva sempre un oco para estes concertos». Tamén agradecen a colaboración de Prelo e de Vitoria, que deseñou o cartel.

Memoria do 2018

A ondada de solidariedade que chega ata Axunica, por exemplo, a través deste festival, permitiulle á oenegué desenvolver numerosos proxectos no 2018 en Nicaragua: 26 nenas e nenos beneficiáronse de bolsas de formación e compra de material escolar; 40 nenas e nenos beneficiáronse da posta en marcha da etapa de secundaria en Tepalón; 60 mulleres recibiron formación periódica en igualdade de xénero, prevención de enfermidades de transmisión sexual, dereitos humanos...; e 115 nenas e nenos se beneficiaron dos comedores infantís, que funcionan dez meses cinco días á semana, entre outras accións.