Veterinaria avanza no control da salmonela na cadea alimentaria

Unha tese estudou os métodos de supervivencia deste patóxeno


A facultade lucense de Veterinaria avanza no control da salmonela na cadea alimentaria grazas á investigación desenvolvida nunha tese de doutoramento. O estudo, que acaba de ser presentado polo veterinario Alexandre Lamas Freire, da facultade do Campus Terra, analizou os métodos de superviviencia deste patóxeno e avaliou os efectos ambientais na persistencia da salmonela en alimentos. As achegas da investigación supoñen un avance para o control deste patóxeno alimentario, que cada ano causa máis de 90.000 casos de salmonelosis na Unión Europea.

A tese, titulada «Prevalence and characterization of Salmonella strains of the poultry industry: determining factors in its survival and biofilm formation», foi dirixida polo profesor Carlos M. Franco Abuín. Nela, Alexandre Lamas avalía os efectos que as diferentes condicións ambientais (temperatura, fontes de nutrientes, nivel de osíxeno, conservantes alimentarios…) teñen na capacidade da salmonela para persistir na cadea alimentaria mediante a formación de biofilms. Estes biolfilms son estruturas bacterianas altamente resistentes «que permiten que as bacterias resistan condicións desfavorables da cadea alimentaria, o que as converte nunha fonte continua de contaminación dos alimentos», segundo explican desde a USC. 

Os resultados da investigación que desenvolveu Lamas no Laboratorio de Hixiene e Inspección e Control de Alimentos (Lhica) do Campus de Lugo achegan luz sobre a capacidade de adaptación da salmonela e os mecanismos de supervivencia que ten nos alimentos. Estes descubrimentos, segundo aclaran desde a USC, poden ser de grande utilidade «para o desenvolvemento de novos métodos de control de biofilms na cadea alimentaria». A tese tamén resulta de especial importancia para os operadores da industria alimentaria, xa que os resultados acadados nesta pescuda «constitúen unha ferramenta axeitada para mellorar os seus protocolos de limpeza e desinfección».

Desde a USC recordan que, aínda que nas últimas decadas os protocolos de limpeza e desinfección teñen mellorado moito nas últimas décadas en Europa, a incidencia da samonelosis fai que sexa «cando menos recomendable, desenvolver e implementar protocolos de limpeza e desinfección máis eficientes ao longo da cadea alimentaria».

Esta investigación de doutoramento realizada no Lhica, que coordina o catedrático Alberto Cepeda, tamén avalía a importancia das diferentes subespecies de Salmonella enterica na seguridade alimentaria. De feito, segundo informan desde a USC, o novo doutor propón nas conclusións da súa tese a posibilidade de volver a avaliar os parámetros establecidos no Regulamento 2073/2005 para o control de salmonela, a fin de focalizalos exclusivamente nas subespecies de Salmonella enterica con importancia para a seguridade alimentaria.

Tribunal de tese e cualificación

O tribunal encargado de avaliar a tese presentada por Alexandre Lamas Freire estivo presidido polo decano da facultade de Veterinaria da Universidade de Murcia, Gaspar Ros Berruezo. A tamén catedrática da Universidade de Murcia Ana María Troncoso González e a profesora titular da Facultade de Veterinaria da USC Cristina Asunción Fente Sampaio completaron a composición dun tribunal que cualificou esta investigación de doutoramento con máxima de nota de sobresaínte cum laude.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Veterinaria avanza no control da salmonela na cadea alimentaria