Xesús Palmou: «Castelao é patrimonio de todos os galegos que amamos Galicia»

Félix Jorquera / L.L.

LUGO

PACO RODRÍGUEZ

O membro do Padroado da Fundación Castelao, avogado e ex conselleiro de Xustiza dará unha charla o xoves 17 na Biblioteca Nodal de Lugo

16 ene 2019 . Actualizado a las 13:27 h.

Xesús Palmou Lorenzo, membro do Padroado da Fundación Castelao, avogado e ex conselleiro de Xustiza, dará unha charla o xoves 17 pola tarde, «O entorno socio-político de Daniel R. Castelao». Será ás 19.30 horas na Biblioteca Nodal de Lugo, nun acto organizado polo Ateneo Galeguista.

-¿Estaría hoxe satisfeito Castelao coa situación socio-política de Galicia?

-Eu coido que si. Castelao falaba dunha España federal. Hoxe temos unha España autonómica e Galicia ten un amplo campo de competencias, e iso permite que Galicia poida facer fronte a cuestións que Castelao plantexaba sobre o autogoberno.

-¿Xurdiría hoxe un Castelao?

-Castelao analizou a situación sociopolítica da Galicia do seu tempo e segue sempre vixente. Pero a situación da Galicia de hoxe é claramente distinta á da Galicia do primeiro terzo do século XX. Daquela, o 80% da poboación galega vivía da agricultura e da pesca, con moita miseria, sen industria nin sector servizos para absorber tanta man de obra.

-Vostede foi un firme defensor do autogoberno. ¿Cre que son necesarias máis competencias?

-Eu coido que temos un nivel de competencias importante e un nivel de autogoberno aceptable.

-¿Que pensa das novas teses de recentralización e supresión das autonomías?

-Non estou de acordo, e creo que Castelao tampouco o estaría. A España das autonomías permitiu un desenvolvemento máis equilibrado das comunidades, e o achegamento do goberno ao cidadán é bo e debe ser irreversible.

-¿Que opina sobre o nacionalismo que sempre quixo traer para si a figura de Castelao?

-Eu non estou de acordo. Castelao era galeguista; o galeguismo é un sentimento e iso é patrimonio de todos os galegos que amamos Galicia e a nosa cultura.

-Porén, Castelao falaba de Galicia como nación.

-Falaba de Galicia como nación, pero non era separatista. Castelao quería unha España federal, non quería unha Galicia illada, mesmo falaba de pobos ibéricos. Castelao non era independentista.