Dezaséis grupos de I+D do campus de Lugo únense para aportar solucións ao sector primario de Galicia

La Voz

LUGO

BioReDes inclúe a un cento de científicos que xestionan un volume de 4 millóns de euros en proxectos de investigación

15 ene 2019 . Actualizado a las 16:48 h.

A agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC Biorrecursos: Desenvolvemento e Produción Sostible (BioReDes) comezo a súa andaina co obxecto de avanzar na vertebración dunha estratexia de I+D para o sector primario de Galicia, segundo adiantou este martes o reitor da USC, Antonio López, na presentación desta nova estrutura científica que agroma 16 grupos de investigación de referencia competitiva asentados na súa maioría na sede universitaria luguesa e que durante o último trienio xestionaron un promedio de preto de catro millóns de euros anuais para o desenvolvemento de actividades e proxectos de I+D+i.

A actividade de BioReDes está estruturada arredor de catro eixos prioritarios, tales como o son a produción e saúde animal sostibles, produción vexetal e agricultura sostible, alimentación segura e saudable e xestión forestal sostible, esta nova agrupación estratéxica de investigación que conta con financiamento da Xunta de Galicia pretende servir de impulso á chamada bioeconomía circular, a fin de favorecer así o renacemento do medio rural de Galicia e o seu crecemento económico e social.

A conselleira de Educación, Carmen Pomar Tojo, cuxo departamento vén de achegar máis 400.000 euros para a posta en marcha de BioReDes, referiuse a esta nova agrupación estratéxica de investigación do SUG como «unha nova bandeira do campus de Lugo que favorecerá a cooperación con empresas e universidades, a innovación e a internacionalización, tres dos piares polos que pasa o futuro da universidade», dixo.

BioReDes é o resultado da suma de 16 dos grupos de investigación de referencia competitiva operativos no campus de Lugo e que na súa maioría atopan a súa sede na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e nas facultades de Veterinaria e Ciencia. Xunto con estes investigadores adscritos ao Campus Terra da USC tamén colaborarán en BioReDes outros grupos do Instituto de Acuicultura da USC. Daquela, esta nova agrupación estratéxica de investigación agroma máis de 100 investigadores estables e arredor doutro centenar de investigadores contratados, estudantes pre e post doutorais e persoal técnico.

Os preto de catro millóns de euros que cada ano captan os grupos agora integrados en

A terceira parte dos recursos económicos captados para proxectos de I+D+i proceden de contratos e convenios con empresas, mentres que outro 13% do financiamento obtido cada ano responde á súa concorrencia e participación en proxectos internacionais. O plan de acción de BioReDes contempla o fortalecemento da capacidade investigadora do país, a través da formación, captación e fixación de talento nos 28 centros de investigación de Galicia ligados o sector primario, a promoción de relacións estratéxicas do campus e da USC coa súa contorna produtiva, social e gubernamental e a mellora do seu posicionamento nacional e internacional.

O director científico da agrupación estratéxica BioReDes, o catedrático de Xenética da USC Paulino Martínez Portela, detallou na súa intervención o plan de acción xa deseñado pola executiva de BioReDes para os próximos meses, ao tempo que lembrou que esta iniciativa que permite a interdisciplinariedade das liñas de investigación nas que traballa o campus de Lugo naceu a iniciativa da propia comunidade científica e mantén a ambición de poder chegar a converterse no futuro nun centro singular de investigación especializado no sector primario e na súa sustentabilidade.

O reitor Antonio López tamén se referiu a BioReDes como unha estrutura científica que conecta directamente coa acción docente do campus de Lugo e coa súa contorna empresarial e  produtiva que, á súa vez, permite facer visible a condición da muller como investigadora en científica, como o proba o feito de que catro profesoras do campus de Lugo da USC formen parte da executiva da agrupación e coordinen outros tantos grupos de traballo.