Deputación de Lugo e Goberno lanzan un novo plan de emprego para mozos do rural

LUGO

Está dotado con 200.000 euros e indicado para mozos de 16 a 30 anos de municipios rurais de Lugo

12 ene 2019 . Actualizado a las 10:56 h.

O goberno da Deputación porá en marcha, en colaboración co Goberno central, un novo plan para a xeración de emprego no rural da provincia. Segundo explicou a deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López, trátase dun proxecto dotado de 200.000 euros  para formar a rapaces de 16 a 30 anos de idade, e insertalos laboralmente. A través desta programación, que se pode aplicar en 55 concellos da provincia, todos eles de menos de 5.000 habitantes e con saldo vexetativo negativo nos últimos 10 anos; espéranse crear un mínimo de 50 novos empregos e seis novas empresas.

López Izquierdo explicou que «por vez primeira, unha administración nivel estatal, como é o Goberno, mostra preocupación polo rural, e pola xeración de emprego. Grazas ao Real Decreto 1234/2018 aprobado polo executivo de Pedro Sánchez ofrécense novas solucións para o rural, a través de subvencións directas ás entidades locais que son as que mellor coñecen as necesidades do seu territorio».

A deputada socialista apuntou que «incrementaremos con máis fondos o plan no caso de poder crear novos postos de traballo no rural lucense. O que buscamos é xerar emprego nos municipios da nosa provincia e facer fronte a un dos problemas máis importantes aos que nos enfrontamos: o despoboamento».

Dous programas

Esta programación contempla dúas liñas de actuación. Unha é a formación a mozos de entre 16 e 30 anos, que deberán estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil. Os seleccionados recibirán formación gratuíta en distintos sectores punteiros na provincia e unha beca durante o tempo de aprendizaxe. Deste xeito, únese a demanda existente no tecido empresarial da provincia coa oferta, cubrindo o posto de traballo cun perfil formado na materia que necesitan. As empresas que participen nesta programación tamén recibirán axudas.

Ademais, o plan inclúe unha liña de fomento do emprendemento. Entre os participantes neste proxecto, impulsarase o autoemprego, ofrecendo axudas a mozos que teñen unha idea clara de negocio e queiran poñela en marcha.