Os Bolechas regalarán nun pasarrúas o seu libro sobre o barrio multiecolóxico de Lugo

LUGO

Os personaxes infantís guiarán unha festa este venres no casco histórico

02 ene 2019 . Actualizado a las 11:56 h.

Os Bolechas regalarán nun pasarrúas o seu libro sobre o barrio multiecolóxico de Lugo. Será nunha festa que terá lugar este venres día 4 no casco histórico.

Os famosos personaxes infantís galegos, creados por Pepe Carreiro, percorrerán as rúas do centro lucense para repartir entre as nenas e os nenos o seu último conto, «Os Bolechas fan un barrio multiecolóxico en Lugo», no que, dun xeito divertido, contan como se constrúen vivendas e contornas urbanas máis ecolóxicas e sostibles. Braulio, Sonia, Loli, Pili, Carlos, Tatá e o cadelo Chispa sairán ás 18.00 horas da Praza de San Marcos, cara Santo Domingo, Rúa da Raíña e Praza Maior, onde ofrecerán unha actuación musical. Posteriormente, dirixiranse ata a Praza de Campo Castelo e O Vello Cárcere, onde se celebrará o final da festa e regalarán os libros.

Os Bolechas presentan aos máis cativos neste novo libro «as actividades promovidas polo proxecto europeo Life Lugo + Biodinámico impulsado polo Concello de Lugo, pioneiro na planificación ecosostible en cidades de tamaño medio, aproveitando o uso de recursos naturais propios e potenciando a economía verde», segundo explican desde o Concello. Entre as medidas a desenvolver figuran «a construción do primeiro edificio público levantado con madeira de Galicia, o deseño do primeiro barrio multiecolóxico de España e a elaboración dun catálogo de solucións urbanísticas sostibles, exportable a outras cidades europeas».

O proxecto Life Lugo + Biodinámico está coordinado polo Concello de Lugo, co financiamento da Unión Europea a través do programa Life, do Concello e da Deputación de Lugo, e conta coas Universidades de Santiago de Compostela e a Politécnica de Madrid como socias no seu desenvolvemento.