«O meu maior éxito do 2018 foi lograr o primeiro ouro absoluto»

LUGO

CARLOS CORTES

A monfortina bateu o récord galego, saltando 1,86 metros, pero unha lesión condicionou a segunda parte do ano

31 dic 2018 . Actualizado a las 10:53 h.

Remata o 2018 para unha das mellores atletas de España, a monfortina Saleta Fernández. A deportista recordará este ano pola consecución do primeiro campionato de España absoluto en salto de altura -foi en pista cuberta- e por ter batido a marca galega absoluta, logrando un salto de 1,86 metros. Non obstante, Fernández non está satisfeita totalmente deste ano, xa que unha lesión impediulle conquistar outros obxectivos. De cara ao 2019 centrará os seus obxectivos nas competicións ao aire libre, xa que a lesión que padece impediralle participar nos campionatos de pista cuberta.

-Que valoración fai do ano que remata hoxe?

-Comezou moi ben, pero remata bastante mal. Logrei tres campionatos de España, conquistando o meu primeiro absoluto. Conseguín a primeira medalla coa selección española nos Xogos Mediterráneos na categoría sub-23 e batín a marca galega absoluta, cun salto de 1,86 metros. Pero as lesións impedíronme rematar o ano como quería.

-Como vai esa doenza?

-Dende o mes de xullo arrastro un problema no pé. É verdade que me infiltraron, pero cando quixen volver á competición sufrín unha microrrotura no glúteo, e aínda teño para un mes de recuperación.

-Que supuxo para Saleta que Monforte decidise bautizar as pistas de atletismo da Pinguela co seu nome?

-Foi moi emotivo, e celebreino máis ca se fose unha medalla. A primeira vez que me comentaron esta iniciativa eu dixen que non fixera tanto para merecer tal distinción, pero finalmente aceptei. Estoulle moi agradecida ás persoas que fixeron esta proposta e ao Concello de Monforte. Síntome profeta na miña terra.

-Son quince anos os que leva traballando polo atletismo.

-Entendo que este recoñecemento é un premio a toda unha traxectoria.

-De quen se acordou cando lle trasladaron esta proposta?

-Do adestrador que me introduciu no atletismo, Felipe Barata, da miña familia e do meu actual técnico, Ramón Torralbo.

-Que é o atletismo para vostede?

-Unha parte importante da miña vida. Non me imaxino sen facer este deporte, que me leva dando moito dende que comecei.

-Ruth Beitia definiuna como a súa sucesora. Supón máis presión ou motivación?

-É unha honra e un orgullo, pero coma ela non vai haber ningunha outra atleta.

-Que significou para vostede a campioa olímpica?

-Foi un privilexio adestrar con ela durante tres anos. Aprendín moito de Ruth.

-Que comporta estar na elite?

-Responsabilidade, sacrificio e dedicación.

-Ten que privarse de moito no Nadal?

-Para que os excesos non pasen factura teño que adestrar. Fago elíptica. Pero sigo a dieta.

-Cambiou moito por chegar tan arriba?

-Para nada. É verdade que coñezo máis xente, pero manteño os meus amigos da infancia.

-Está satisfeita co respaldo que recibe das administracións?

-O Concello de Monforte inviste 5.000 euros en bolsas para deportistas individuais, pero entendo que habería que incrementar a cantidade e ser máis selectivos. Se só hai ese diñeiro e cada vez optan máis deportistas, a contía diminúe. Eu recibín máis diñeiro o ano pasado ca este logrando máis éxitos no 2018. Da Deputación e da Xunta obtiven máis.

-Cales son os obxectivos de Saleta para o ano 2019?

-Non os vou cumprir todos, porque non chegarei ás competicións de pista cuberta pola lesión. Ao aire libre espero gañar os dous campionatos de España e estar no Europeo sub-23.

-Os Xogos Olímpicos do 2020 en Tokio están aí.

-É un soño, pero vexo moi difícil estar nesta cita. Pensaría máis nos Xogos Olímpicos do 2024 en París, pero é moi difícil. Inflúen moitas cousas.

-Un desexo para o 2019.

-Deséxolle a todos os lectores un bo ano novo, saúde e que cumpran todos os seus obxectivos.