O Museo da Romanización ou a política como a «a arte da mentira»

Adolfo de Abel Vilela LUGO

LUGO

kike

O edificio é adecuado para unha infraestrutura imprescindible nunha cidade onde a arqueoloxía é dinámica

22 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Antes a Política definíase como «a arte do posible», pero hai xa un tempo no que estamos a ver que é «a arte da mentira». Primeiro por boca do representante da Xunta en Lugo, dicindo que o Museo da Romanización non facía falla porque en Lugo había moitos museos, e agora pola do responsable da Educación e da Cultura do país afirmado, como desculpa de mal pagador, que non existe unha demanda social e clara ao respecto, o cal algo que non é certo.

O 14 de outubro do ano 2016, a Asociación Cultural Lugo Patrimonio organizou unha «Xornada de información e debate sobre a conservación e destino do Cuartel de San Fernando», con tres conferencias que estiveron a cargo dun historiador da arte, dous arquitectos e un museólogo, e unha mesa redonda na que participaron os representantes das asociacións culturais lucenses Lugo Patrimonio, Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Arte Ramón Falcón, Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, Orfeón Lucense, Asociación de Amigos do Castro de Viladonga, Asociación Abre la Muralla e Club Cultural Valle Inclán, que o 8 de xuño dirixiran un escrito á alcaldesa de Lugo e ao presidente da Deputación Provincial solicitándolles que as dúas institucións se puxesen de acordo para comezar a rehabilitación do Cuartel de San Fernando, por fases, para destinalo a Museo Arqueolóxico Galaico Romano, ou en todo caso, ou no seu defecto, que fixesen as xestións oportunas ante a Xunta de Galicia para lograr aquel obxectivo. Nesta xornada aprobáronse por unanimidade as seguintes conclusións:

1ª) Unanimidade entre os participantes no canto de destinar o edificio a Museo Arqueolóxico Galaico-romano, por considerar que reúne as condicións adecuadas para este fin, que é unha infraestructura imprescindible nunha cidade e provincia onde a arqueoloxía é dinámica, no que se recollan, cataloguen, restauren, estuden, divulguen e se expoñan as pezas atopadas, tendo en conta que sería unha inversión produtiva ao crear postos de traballo e unha infraestrutura para o turismo cultural.

2ª). Instar ao Concello de Lugo e á Deputación Provincial a colaborar coa Xunta de Galicia, a que se debe solicitar que asuma o compromiso que ten adquirido dende hai anos para que se faga cargo do edificio e encargue os diferentes proxectos de rehabilitación, escavación e museográfico, para desenvolver por fases debidamente orzamentadas, así como a creación formal do Museo.

3º) O Museo é un servizo cultural á sociedade, e por iso ten que ser proxectado como un centro multicultural con actividades que se podan desenvolver ao longo de todo o ano. Debe integrar os posibles achados arqueolóxicos da escavación en área da zona sur do edificio para incluír no discurso expositivo que debe comprender a parte prerromana, a romanización e a etapa sueva, herdeira do mundo romano, de aí a denominación que se propón de Museo Arqueolóxico Galaico-romano.

Sen vontade

A estas alturas os lucenses, e o Concello como o seu representante, deberían ter claro que a Xunta de Galicia non ten intención de afrontar esta infraestrutura que prometeu no seu día o conselleiro Pérez Varela, imprescindible para recoller, catalogar, restaurar, estudar, expoñer e divulgar os materiais procedentes do xacemento arqueolóxico romano máis grande que hai en Galicia, mais de 40 hectáreas, do que desde hai 32 anos se están extraendo pezas e información procedente da primeira etapa da historia da cidade, un proceso que non é estático, senón dinámico, por que cada vez haberá máis achados.

A situación, repitámolo unha vez máis, é que os materiais arqueolóxicos xa non os admite no Museo provincial dende hai anos por falta de espazo, o mesmo problema que ten o Museo de Viladonga, polo que tiveron que alugar un almacén.

As asociacións culturais antes citadas son nas que participan unha boa parte da sociedade lucense preocupada pola cultura. Por tanto non é certo que non haxa consenso social ou que o Museo sexa unha infraestrutura innecesaria. Nun recinto histórico cada vez máis deprimido economicamente unha instalación deste tipo sería beneficiosa para moitos sectores da cidade, pero fundamentalmente para a educación e a cultura. Por iso o Concello non debería perder máis tempo agardando por quen non está nin se lle espera. Noutras cidades abordaron proxectos semellantes con fondos propios e da Unión Europea. O Concello hoxe ten capacidade económica para abordalo por fases e unha oficina para xestionar as axudas pertinentes. O único que lle falta é a decisión política para facelo. Sen tempo non é.

As asociacións culturais instaron ás institucións a impulsar a creación do museo

Os lucenses deberían ter claro que a Xunta non ten intención de afrontar o museo

As asociacións culturais instaron ás institucións a impulsar a creación do museo

Necesario nun recinto histórico cada vez máis deprimido

As asociacións culturais antes citadas son nas que participan unha boa parte da sociedade lucense preocupada pola cultura. Por tanto non é certo que non haxa consenso social ou que o Museo sexa unha infraestrutura innecesaria. Nun recinto histórico cada vez máis deprimido economicamente unha instalación deste tipo sería beneficiosa para moitos sectores da cidade, pero fundamentalmente para a educación e a cultura. Por iso o Concello non debería perder máis tempo agardando por quen non está nin se lle espera. Noutras cidades abordaron proxectos semellantes con fondos propios e da Unión Europea. O Concello de Lugo hoxe ten capacidade económica para abordalo por fases e unha oficina para xestionar as axudas pertinentes. O único que lle falta é a decisión política para facelo. Sen tempo non é que se tome.