Toño Núñez: «É un proxecto ambicioso feito por xente de Lugo»

LUGO

CARLOS CASTRO

O escritor naviego presenta mañá ás 18.30 horas no Museo Interactivo de Historia de Lugo «A gotiña viaxeira», un conto infantil que fusiona diferentes formatos

21 dic 2018 . Actualizado a las 10:41 h.

Toño Núñez é un educador e escritor naviego que estrea mañá un conto-canción que define como un dos seus proxectos máis persoais, A gotiña viaxeira. A cita é ás 18.30 horas no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) e nela participan os demais xestantes desta iniciativa. O pintor lucense Miguel Anxo Macía é o encargado de dar forma ás ilustracións e Fran Muinelo, do grupo Batital, é o autor da canción que vai da man deste conto. Así mesmo, participan outros músicos, e Iria Estévez e mailo propio Núñez poñen esta tarde as voces narrativas da presentación.

-Como se desenvolveu este proxecto?

-É un proxecto de longo percorrido. Este é un conto que escribín cando aínda era profesor de infantil e o texto ten máis de vinte anos. O texto pasou por moitas editoriais, pero eu crin nel e decidín facelo eu coma un capricho.

-Tiña claro que quería que Macía fixera as ilustracións?

-Tiña claro que quería que o fixese el. É un amigo e sei que, aínda que nunca fixera este tipo de traballos antes, decidiu lanzarse e saíu moi ben.

-A presentación de mañá é o resultado de moito traballo, imaxino.

-Pois si. Por un lado, é algo que custou moito, pero, por outra parte, o tempo que agardei permitiu que o proxecto medrara e quedase tan logrado como está agora.

-Fáleme da historia do conto.

-A gotiña viaxeira comezou coa narración dun conto e desembocou na canción, acompañado por un vídeo que montou Xosé Reigosa. É un proxecto moi de xente de Lugo e un traballo interdisciplinario que inclúe contos, ilustracións, unha canción orixinal, dramatización e montaxe audiovisual. Conta o ciclo da auga cunha historia que consigue ir máis alá.

-Ata onde quere que chegue este proxecto?

-Nun principio teño pensado presentalo en Navia e Santiago porque, ao ser un conto cunha carga didáctica moi importante, poden velo en educación infantil, pero tamén en primaria. Cando o escribín estaba moi condicionado polo meu traballo como mestre e por iso confío en que funcione nos colexios. Veremos as expectativas e iremos onde poida ter interese.

-Como reivindicación, a gotiña protagonista do conto é de Navia.

-Cando escribo, gústame facerlle unha chiscadela a Navia, e neste conto non ía cambiar a cousa. As imaxes, por exemplo, son naturais e tamén están sacadas do río Navia e complementan moi ben a historia. Decanteime polo natural e non me arrepinto, porque o resultado é moi bo.

-Se algo teñen en común os artistas que participan é que todos son de Navia.

-Participamos moitas persoas e pasamos por un proceso moi intenso. Isto é algo no que puxen moita ilusión. É un proxecto ambicioso e de xente de Lugo porque todos somos de aquí, e a gotiña é moi naviega. Polo medio tamén está algo tan fundamental como a gravación cos músicos de Batital.

-Despois da presentación de mañá, con que vai continuar?

-Gústame mesturar música, poesía e audiovisual. Nestes tempos todo é fusión e a min agrádame. Para os nenos hai outro conto que quero sacar, pero aínda está sen definir a pesar de que o texto xa está rematado. Para adultos estou cun sonetario e con cousas soltas. Voume xubilar e espero poder darlle para adiante a algúns proxectos que teño en mente.

Deputación, Concello, LugoCentrum e Federación de Comercio presentaron a campaña «Vive o Centro este Nadal», con máis de 40 actividades gratuítas dirixidas, na súa maioría, aos máis pequenos. Terán lugar na praza Maior e nas rúas do casco histórico, entre onte e o 4 de xaneiro.

Na gran maioría dos días haberá actividades fixas: de. 17.00 a 20.00 horas, os personaxes de Nadal percorren as rúas do centro entregando caramelos e globos. De 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas haberá paseos en cabaliños mecánicos pola praza Maior. E de 17.00 a 20.00 horas, obradoiro de postais na praza Maior.

Logo haberá outras actividades en función do día. Hoxe Fátima Fernández, ás 17.00 horas, narrará contos de Nadal. O domingo 23 estarán Papá e Mamá Noel polo centro. O luns 24, de cinco a oito da tarde, Papá Noel recibe os nenos na praza Maior. O xoves 27, ás 17.00 horas, teatro coa obra «Un Paxe Real en Apuros», na carpa da praza Maior. O sábado 29, 17.00 horas: «Gemola e os seus contos de Nadal», con Gemma Pardo. O domingo 30, festa de Noitevella para nenos na praza Maior. O mércores 2, de 11.00 a 13.00 e 17.00 a 20.00 horas, animación percorrendo as rúas do centro con Circo.

O xoves 4, de 11.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas, animación percorrendo as rúas do centro con «A Luz do Nadal».

O venres 4, de 17.00 a 20.00 horas, o Rei Mago recibe aos nenos praza Maior. De 17.00 a 20.00 horas, obradoiro de manualidades «Imos facer aos Reis Magos».

Concurso de postais

Ademais, tamén hai programado o Concurso de Postais de Nadal para os máis pequenos. Así, repartiranse unhas 1.500 postais para que os cativos pinten e escriban un slogan para participar no concurso. Todos os participantes levarán de agasallo un chaveiro de Nadal. O 4 de xaneiro elixiranse as postais gañadoras que recibirán xoguetes por valor de 250 euros.

A campaña Merca e Gaña polo Nadal sortea 20 tarxetas regalo de 300 euros e outras 20 de 200 euros entre as persoas que merquen en calquera dos locais asociados da provincia, ata o 6 de xaneiro.