¿Onde está o castiñeiro senlleiro máis grande de Europa?

O Campus de Lugo lidera un estudo xenético sobre os castiñeiros europeos


O Campus Terra de Lugo lidera un estudo xenético sobre os castiñeiros senlleiros europeos en Italia, España e Portugal. A labor está dirixida polo grupo Agronomía da USC, que avalía os efectos do enxerto sobre o proceso de domesticación do castiro no continente europeo. Neste traballo recóllense resultados tan curiosos como o menor e o maior perímetro encontrado nas 105 árbores estudadas, que foron atopados no País Vasco e en Sicilia, respectivamente. Tamén se conclúe que o cultivo ou «domesticación instantánea» se remonta ao século XV.

Segundo explican desde a USC, os investigadores compararon os parámetros obtidos no estudo cos recollidos na base datos da UE de cultivares de castaña, publicada o pasado ano polo grupo Agronomía da USC, utilizando un conxunto de 24 marcadores moleculares microsatélites (SSRs). En cada castiñeiro centenario mediuse o perímetro (diámetro) a 1,5 metros de altura (DBH), ademais de recoller mostras de follas da copa e das raíces de cada árbore, mostras que logo foron analizadas independentemente para distinguir as árbores autorradicadas das que estaban enxertadas.

Como curiosidade, o perímetro mínimo medido foi de 3,8 metros no País Vasco, e o máximo, de 22 metros en Sicilia, nun castiñeiro coñecido como o dos 100 cabalos (‘Cento Cavalli’, cun perímetro total na base de 57 metros). En España, o máximo perímetro atopouse en Ávila con casi 19 metros. No rango 11-22 metros de perímetro encontráronse 29 exemplares e outros 39 no rango 8-10 metros. A investigación posibilitou diferenciar 91 novos xenotipos respecto á base europea do castiñeiro. Un total de 20 castiñeiros senlleiros (9,6%) coincidiron con variedades coñecidas e incluídas na base europea.

Domesticación de castiñeiros en Galicia

Segundo recolle o estudo, as primeiras evidencias de cultivo ou «domesticación instantánea» en Galicia localizáronse no val do Douro, en castiñeiros enxertados de 14 metros de perímetro (século XV) e no País Vasco (primeiro estudo nesa área) nunha árbore de 11,5 metros de perímetro (século XVI). «En Italia, o cultivar 'Marrone Fiorentino' atopouse nalgunhas árbores con perímetros de 8 e 9 metros (séculos XVII e XVIII) na Toscana e Umbría. Estes resultados obtidos con marcadores xenéticos tiveron relación con referencias escritas en Portugal desde o século XVI (Fernandes, Descrição do terreno ao redor de Lamego duas léguas, 1531?1532; estudo introdutório e apêndice documental Amândio Morais Barros) e desde o século XVIII en España (Sarmiento, Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetales)», segundo explican desde a USC.

En canto ao castiñeiro senlleiro máis grande enxertado cun cultivar coñecido foi atopado en Galicia con 11,2 metros de perímetro, e está enxertado cun cultivar pouco frecuente, como é «Lebre». Tamén en Galicia, o cultivar «Courelá» foi atopado nunha árbore con 10,1 metros de perímetro; «Rapada» noutro de 10 metros; «Negral», un cultivar relevante, nun castiñeiro con 9,2 metros de perímetro; «Luguesa» nun con 7 metros, e «Parede» noutro con 5,7 metros. Este proxecto de investigación permitiu tamén localizar en Extremadura o cultivar «Verata» nun castiñeiro con 8,2 metros de perímetro. En Italia atopouse «Marrone Fiorentino» nunha árbore de 8,5 metros de perímetro, e en varios máis de 8 metros, un deles cunha base de 16,7 metros.

A «domesticación instantánea» do castiñeiro, segundo sinala o profesor Santiago Pereira Lorenzo, coordinador do traballo, «podería remontarse ao século XV e estaría relacionada coas poboacións silvestres existentes nas mesmas zonas onde se propagan os cultivares, como foi no caso do cultivar «Amarelante», cuxo xenotipo se describe en Galicia a partir dun castiñeiro non enxertado de 13,9 metros de perímetro».

Desde a USC explican que a estrutura xenética dos cultivares de castiñeiro «foi coincidente para os castiñeiros silvestres atopados neste estudo, cunha alta diversidade que se mantivo a través do proceso da domesticación, cunha orixe xenética da Península Ibérica diferenciado do italiano. Ademais, estes estudos confirmaron a introdución de orixe xenética italiana na Península Ibérica dende que temos constancia xenética, como é o cultivar «Luguesa», atopado nun castiñeiro datado no século XVIII. Esta orixe xenética italiana atopouse tamén nun castiñeiro de 15 metros de perímetro en Andalucía, poñendo de manifesto a importancia dos intercambios xenéticos que se producían xa dende fai moitos anos».

Os resultados deste traballo de investigación foron publicados en Annals of Applied Biology. O estudo enmarcouse no proxecto Un enfoque integrado para a xestión sustentable do castiñeiro en España, unha actuación financiada polo Goberno de España e no que tamén participou a Universidade de Córdoba e o Instituto de Bioloxía Agroambiental e Forestal de Italia. A coordinación correu a cargo do catedrático de Produción Vexetal na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, Santiago Pereira Lorenzo, coa participación das investigadoras do grupo Agronomía Ana Ramos-Cabrer e Belén Díaz Hernández.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

¿Onde está o castiñeiro senlleiro máis grande de Europa?