Balseiro di que Campos está obsesionado por comparar «unha formiga cun xigante»

LUGO

oscar cela

Califica de estafa intelectual a ideas dos socialistas, porque «mentres a Xunta destina 1.341 millóns á provincia a Deputación presuposta 84 millóns»

21 nov 2018 . Actualizado a las 17:51 h.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, censurou a permanente obsesión do presidente da Deputación por restar valor aos investimentos do Goberno galego na provincia «a pesar de ser moi superiores aos do ente provincial, están obsesionados por confrontar coa Xunta. Pretenden comparar unha formiga cun xigante, os 1.341 millóns de euros que o goberno galego destina para a provincia de Lugo, cos 84 que presuposta a Deputación», explica o responsable da Xunta

O delegado territorial di que o discurso dos socialistas lucenses «é unha estafa intelectual coa única interese en confundir á cidadanía, a pesar de que as contas non lles saen». O delegado da Xunta en lugo sinalou que «os lucenses teñen moi claro que as grandes infraestruturas, o apoio ás empresas e a inmensa maioría dos servizos públicos: sanidade, educación, emprego están sostidos pola Xunta».

Orixe dos recursos

Balseiro contrapón o argumento «recorrente que empregan desde a Deputación» cando aseguran que gran parte dos investimentos que realiza o goberno galego na provincia teñen a súa orixe en fondos europeos, e que como tal, non poden atribuírse á iniciativa da Xunta. O delegado territorial lembra que é o goberno galego quen xestiona, tramita e distribúe estes recursos, e quen prioriza a que obras ou servizos concretos se destinan, ademais en todos os casos están cofinanciados con fondos propios.

«Seguindo este mesmo argumento todos os plans e programas de emprego que teñen en marcha na Deputación están financiados con fondos europeos, e non por iso deixan de render conta dos mesmos ante a cidadanía e na prensa. Eles queren silenciar á Xunta para que non se evidencie a súa falta de iniciativas e traballo», sinalou Balseiro.

Finalmente Balseiro reta a Campos a explicar polo miúdo a orixe dos recursos da administración provincial que, «con mínimos fondos propios, a gran maioría do orzamento ten orixe nas achegas do Estado ou da Xunta e nos recargos provincias a distintos impostos». O responsable da Xunta sinala que o 82% dos recursos da Deputación son transferencias correntes doutras administracións «e non por iso deixan de xestionalos eles».