Lugo terá o primeiro barrio multiecolóxico de España

L.L.

LUGO

Carlos Castro

O Concello presentou a construción de «Impulso Verde», o primeiro edificio público de Galicia construído con madeira galega

20 nov 2018 . Actualizado a las 12:47 h.

O Concello de Lugo presentou hoxe o proxecto «Impulso Verde», o primeiro edificio público de Galicia construído con madeira galega. Este inmoble será tamén a semente do futuro barrio multiecolóxico, o primeiro que haberá en España. Estas iniciativas forman parte do proxecto europeo Life Lugo+Biodinámico, no que o Concello conta como socios colaboradores coa Deputación, a USC e a Universidade Politécnica de Madrid. 

A alcaldesa, Lara Méndez, deu a coñecer esta mañá a nova iniciativa, nun encontro con representantes do sector galego forestal e da madeira, colexios profesionais, universidade e medios de comunicación. O proxecto supón «unha auténtica revolución no modelo de construción urbana e no modelo produtivo do noso país, baseada no mellor que temos, os nosos recuros naturais», sinalou a rexedora. Na presentación asistiron o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro; o deputado provincial de Relacións Institucionais, Álvaro Santos; Luis Ruiz, profesor da Escola Técnica de Enxeñería Agronómica, Alimentaria e de Biosistemas da Universidade Politécnica de Madrid e coordinador das accións do Life na UPM; Manuel Guaita, catedrático do departamento de Enxeñería Forestal da Universidade de Santiago, director da Plataforma de Madeira Estrutural (PEMADE), e director do equipo técnico autor do proxecto Impulso Verde; e Belén Feijóo Lombao, técnico superior de apoio á investigación do departamento de Enxeñería Agroforestal da USC e integrante do equipo autor do proxecto.

O edificio Impulso Verde estará construído integramente de madeira galega e abastecerase só de enerxías limpas, isto é, neutro en termos de carbono. «Impulsámolo coa vocación de que sirva de modelo construtivo para futuras actuacións, promovidas tanto dende o sector público como dende o privado, tanto en Lugo, como en calquera lugar de España, de Europa ou do mundo», explicou Lara Méndez. Terá un uso público e actividade permanente, pois nel funcionarán servizos municipais, ademais dun espazo coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático, zona expositiva e aula de formación. Situarase na zona da Garaballa, entre os polígonos industriais do Ceao e as Gándaras, fronte á área comercial As Termas.

Este proxecto «marcará un punto de inflexión na construción, que contribuirá de maneira decisiva a un cambio de paradigma construtivo cara modelos sostibles, respectuosos co medio ambiente, alternativos aos convencionais, que son altamente contaminantes e de baixa eficiencia enerxética, pois están baseados fundamentalmente nas tecnoloxías do aceiro e o formigón armado», explicou a rexedora.

A elaboración do proxecto Impulso Verde estivo coordinada pola parte universitaria implicada no proxecto Life Lugo+Biodinámico, baixo a dirección de Manuel Guaita e tamén do arquitecto e profesor universitario Antonio Lara. Está baseado na experiencia investigadora da Universidade e nos resultados obtidos nas accións preparatorias, como a cuberta «grisdhell», a primera estructura do mundo feita con eucalipto «globulus», un proxecto premiado recentemente no congreso da enxeñaría en madeira máis importante do mundo, celebrado en Seúl.

Despois de valorar diversas alternativas, todas públicas e no ámbito de actuación do Life -entre os polígonos do Ceao e As Gándaras-, o Concello optou por levantar o edificio nunha parcela situada fronte á rotonda da avenida Infanta Elena que enlaza a cidade coa zona industrial pola súa situación estratéxica, segundo explican fontes municipais. Presenta tres características fundamentais: máxima visibilidade e proximidade a núcleos de poboación e actividade; centralidade no ámbito de actuación do Life, o que permitirá explicar o programa a partir de itinerarios con orixe no edificio e que discorran polo resto de actuacións forestais e urbanas; e accesibilidade, que se reforzará co futuro desdobramento e humanización de Infanta Elena.

Unha vez terminado o proxecto, mañá a xunta de goberno aprobará sacar a contratación as obras de construción. O orzamento é de 1.040.503,30 euros e o prazo de execución de 12 meses.

Efecto Torre Eiffel

Segundo explicaron desde o Concello, Lugo intenta conseguir o que expertos como Michael Green, arquitecto canadiense recoñecido a nivel internacional como o principal promotor da construcción en altura de madeira, chaman «Efecto Torre Eiffel». A construción da torre parisina rompeu os límites da altura establecidos, cambiou o paradigma construtivo, e comezaron a construírse rañaceos cada vez máis altos por todo o mundo. Agora, «o que queremos é cambiar o paradigma construtivo para que cada vez se constrúan máis edificios coa madeira como elemento estrutural de construción», indicou a alcaldesa.

Primeiro catálogo en Europa para adaptarse ao cambio climático

Impulso Verde é tamén a semente do primeiro barrio multiecolóxico de España, «que proxectamos para dotar de gran capacidade de adaptación e resiliencia ás contornas urbanas, pola súa capacidade de replicación e evolución no tempo», apuntou Méndez. Neste barrio multiecolóxico, ademais de edificios con madeira como elemento estrutural de construción, aplicaranse as solucións de deseño urbano recollidas no que será o primeiro catálogo en Europa de medidas para a adaptación ao cambio climático, que se está a elaborar tamén dentro do Life Lugo+Biodinámico. As solucións de deseño urbano van dende a recollida de auga de choiva para a súa reutilización, por exemplo no rego das zonas verdes, ata a implantación dun sistema propio de reutilización da fracción orgánica do lixo. Tamén haberá medidas de aforro enerxético coa simple orientación dos viais, zonas verdes ou edificios buscando aproveitar o sol e os ventos dominantes.

Economía Verde

Con Impulso Verde e o barrio multiecolóxico, o Concello de Lugo avanza tamén cara a introdución dun novo modelo productivo, non só para o municipio e a provincia, senón para toda Galicia, ao apostar por desenvolver o sector da segunda transformación a través da innovación e da madeira autóctona, isto é, aproveitando unha das materias primas fundamentais de Lugo e a provincia, como é a riqueza forestal. Desde o Concello lembran que Lugo extraeu no 2017 3,8 millóns de toneladas, polo que segue estando entre as provincias con maior produción de madeira de España. Ademais, o 52% da superficie do concello é agroforestal, «uns datos que poñen de manifesto a capacidade do sector de dinamizar a economía e crear emprego e, con elo, de fixar poboación, un dos grandes retos aos que nos enfrontamos», recalcou a alcaldesa.

Este novo modelo produtivo pretende ser a posta en marcha dunha economía verde. «Traducirase en novos pulos para a innovación, no aproveitamento do talento galego, no impulso de novos proxectos ecolóxicos e na creación de novos postos de traballo para unha industria forestal que quere reducir de xeito significativo os riscos ambientais e a escaseza desde o punto de vista ecolóxico», argumentou Méndez. «Por iso, Lugo será un municipio aberto ás empresas que queiran apostar por una economía social, verde, e comprometida coa cidadanía. Unha fórmula para consolidar a nosa identidade urbana e rural dentro do panorama global», engadiu.

Impulso Verde, insignia do plan Life Lugo+Biodinámico

O edificio Impulso Verde é unha pata central do plan Life Lugo+Biodinámico que, dotado con 3,5 millóns de euros, inclúe outras accións, como a creación dun novo pulmón verde urbano, coa plantación de 15.000 exemplares de 60 especies arbóreas distintas entre As Gándaras e o Ceao (souto de castiñeiros, frondosas autóctonas, cultivos enerxéticos e arboretum galego); a recuperación e posta en valor dun bosque de Ribeira; e a creación de hortos urbanos en solo e altura.

Modelo de cidade

Ao mesmo tempo, o programa Life é un dos piares do modelo de cidade que impulsa o goberno de Lara Mendez, que une de maneira indisoluble o desenvolvemento urbanístico e o medio ambiente e a sostibilidade. O obxectivo é facer de Lugo unha cidade inclusiva, máis rica en patrimonio natural e histórico e con maior capacidade cultural e de lecer, «con máis ferramentas para desenvolver todo o seu potencial económico vinculado cos recursos naturais e co patrimonio histórico-cultural, potenciando, ademais, o turismo, referente na loita contra o cambio climático en entornos urbanos, coa sostenibilidade e a mobilidade por bandeira, e na vangarda económica, propulsora dun novo modelo produtivo».