«Sempre tiven boas notas pero cando suspendín algún exame veume ben como toque de atención»

LUGO

Carlos Castro

Pedro Ferreiro Rega, alumno do Lucus Augusti de Lugo, recibe da Xunta un galardón polo seu excelente expediente e por superar unha esixente proba

07 nov 2018 . Actualizado a las 21:57 h.

O esforzo ten premio e senón que llo digan a Pedro Ferreiro Rega, un alumno do IES Lucus Augusti que acaba de recibir o Premio Extraordinario de ESO polo seu excelente rendemento académico. Grazas a ter unha nota media no pasado curso de 9,09 no seu centro animárono a presentarse en setembro ás probas definitivas. «Foi como unha especie de selectividade porque tiven exames de Lingua Galega, Castelá, Inglés, Historia, Ciencias Sociais, Matemáticas e Bioloxía, pero coa diferenza de que non tiña nervios porque non tiña nada que perder», explicaba este mozo que agora xa estuda primeiro de BAC pola rama de Ciencias.

Carlos Castro

Unha vez que se soubo que obtivo o premio que promove a Consellería de Educación, as felicitacións de familiares, compañeiros e profesores non pararon. O seu futuro académico aínda o ve lonxano: «Quero facer unha carreira universitaria no eidos das Ciencias, pero aínda non sei porque me vou a decantar», sinala un rapaz que comezou os seus estudos no colexio Rosalía de Castro para logo pasar ao Lucus Augusti, o instituto onde estudou o seu avó e o seu pai, o profesor de Matemáticas da Universidade de Santiago, Juan Bosco Ferreiro.

Afeccións

Pedro Ferreiro explica que sempre tivo boas notas na súa traxectoria académica e que nunca suspendeu unha materia nun trimestre, pero recoñece que si ten suspendido exames parciais e que lle viñeron ben: «Son un toque de atención moi bos».